Galicia

A Deputación mellora as condicións para o acceso ao servizo de teleasistencia

Incluirá a persoas que viven con familiares pero pasan moito tempo soas

Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra deu un paso máis na súa política social ao aprobar unha addenda ao convenio con 46 concellos de menos de 20.000 habitantes para prestar o servizo de teleasistencia domiciliaria.

Carmela Silva informou que a addenda fará que o servizo, que a día de hoxe da cobertura a case 700 usuarias e usuarios, chegue “a todas as persoas da provincia que o precisen” e fixo especial fincapé no mundo rural onde a poboación “está moi envellecida e, ademais, moitos deles e delas viven soas”.

Persoas que vivan con familiares

Esta aprobación incorpora novidades á asistencia domiciliaria ao incluír a posibilidade de que accedan a ela persoas que viven con familiares pero que “están moito tempo soas durante o tempo que estas e estes traballan”. Ademais,
amplíanse os tramos de renda para que máis persoas poidan acceder a un servizo que a presidenta provincial cualificou de “relevante” posto que “permite que as e os máis vulnerables (como as e os maiores, as que teñen dependencia ou están en situación de risco) teñan á súa disposición un botón que moitas veces significa, incluso, salvar a vida”.

Silva lembrou que este servizo tamén está en fase de licitación dun novo contrato que traerá consigo novidades que farán que “nos poñamos nos novos tempos para a prestación da teleasistencia avanzada”. Con estas palabras a presidenta provincial fixo referencia á adaptación do servizo ás novas tecnoloxías, co control de detectores de fume e gas, e a prestación do mesmo a aquelas persoas que carezan de teléfono fixo, ata o de agora indispensable, substituíndoo polo uso dun terminal móbil. As empresas que queiran optar ao contrato poden presentar as súas ofertas ata o 19 de novembro.

Chamada de atención á Xunta

Carmela Silva tachou de “intolerable” o comportamento da Xunta en relación á política social e ao reparto de recursos “de todo o que ten que ver coa dependencia e con apoiar ás persoas que a sofre e a padecen”. Recordou que “a Xunta é a quen ten as competencias e están facendo que os concellos, que non as teñen, asuman os custos facendo que moitas veces non se poidan prestar outros servizos que si son competencia municipal”.

Nese senso, a presidenta provincial puxo como exemplo que dende o goberno autonómico “están a vender estes días que van a aumentar os recursos para a asistencia no fogar a 11 euros a hora, alardeando incluso de que subirán en 2023 a 11,5 euros e chegar aos 12 euros en 2024 cando os custos que supón esta prestación para os concellos aumentaron unha media de 18 euros e nalgúns casos incluso 22 euros”.

¿Como poden presumir, engadiu, cando amais os fondos que pon a Xunta proveñen do Goberno do Estado? É inaudito, afirmou, non poñen nin un euro e, sen embargo, os concellos teñen que poñer unha vez máis recursos propios sen ter competencias, nin financiación”.

También te puede interesar