O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de dar a razón á Xunta na que supón a quinta sentenza favorable ao modelo de cofinanciamento das escolas infantís e centros de día en Vigo dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Este fallo avala, unha vez máis, a fórmula de cooperación en vigor e desestima o último recurso contencioso-administrativo presentado polo Concello vigués contra as liquidacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar correspondentes á primeira metade do curso 2019-2020 nas escolas infantís de Valadares e da rúa Palencia.
“O alcalde quere desentenderse dun servizo social básico”
Unha nova sentenza que, en opinión da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, deixa en evidencia as pretensións do alcalde vigués de desentenderse dun servizo social básico, privando a día de hoxe a 200 familias viguesas de beneficiarse da gratuidade de 0 a 3 anos que ofrece o Goberno galego para segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís.
“Cinco sentenzas en contra parecen suficientes para que a Administración Local deixe de presentar recursos sen perspectivas éxito e asuma as súas competencias na materia”, indicou a representante autonómica. Neste contexto, convidou ao alcalde a regularizar canto antes o pago pendente ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para que unhas 400 familias podan o ano que vén acollerse a esta medida que se estenderá desde o primeiro fillo.
Cooperación entre administracións
Segundo recolle o alto tribunal, as liquidacións xiradas polo ente autonómico non incorren nas causas de nulidade alegadas polo Concello de Vigo, “toda vez que se trata de asumir o financiamento duns servizos atribuídos pola lexislación autonómica aos entes locais e para cuxa prestación optouse por fórmulas de cooperación” entre administracións.
A resolución sinala que se trata dun servizo de carácter social, en ningún caso educativo como argumenta o Concello de Vigo no seu recurso, cuxa xestión asumiu o Consorcio a instancias da propia Administración local. Segundo indica, “en Galicia a atribución aos municipios da prestación dos servizos sociais resulta clara”.
O TSXG rexeita tamén que se infrinxa a normativa estatal de réxime local sobre distribución de competencias e a normativa autonómica sectorial reguladora dos servizos sociais, segundo expón o Concello vigués no seu recurso. Esta negativa apóiase en sentenzas do Tribunal Constitucional que deixan claro que “debe excluírse a interpretación de que os municipios solo poden obter competencias propias nas materias enumeradas na Lei de Bases de Réxime Local […], pois semellante prohibición, indiscriminada e xeral, sería manifestamente invasiva das competencias das comunidades autónomas”.
Cómpre lembrar que o modelo de financiamento do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está vixente desde o ano 2017, foi avalado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), e é de aplicación en todos os concellos que o integran.