Galicia Sucesos

Absolto de violar a unha rapaza ao non probarse o delito “máis aló dunha dúbida razoable”

O tribunal asegura que a moza “incurriu en contradicións nas súas declaracións”

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu a un acusado de agredir sexualmente a unha muller nunha das entreplantas do edificio onde o sospeitoso residía coa súa familia.

A Sala considera que carece “dunha convicción fundada para estimar acreditados os feitos obxecto de acusación máis aló de toda dúbida razoable”, polo que, en aplicación do principio in dubio pro reo, absolve ao acusado.

O testemuño da denunciante, segundo o tribunal, “dilúese pola falta de persistencia na incriminación e a falta de coherencia externa en determinados aspectos esenciais”.

Feitos

O Tribunal da por probado que a moza e o acusado coñecéronse na madrugada do 13 de setembro de 2019, nunha discoteca de Ourense. Na mesma intimaron e sairon dela xuntos cara ao edificio onde vivía o home, ao que ela entrou voluntariamente. No entrechán mantiveron relacións sexuais, sen que se acredite que o acusado empregase a forza nin que ela manifestase a súa oposición.

Violación

A moza mantivo no xuizo que a violaron logo de que rexeitrara ao seu agresor que, afirmou, agarrouna polo pescozo. Iso, asegurou, deixouna “bloqueada” de medo e, dado que estaba nun lugar descoñecido e sen saída, non pediu axuda nin berrou.

Logo dos feitos, saiu correndo, chamou aos amigos e foi a un centro médico. Alí o médico que a atendeu avisou á Policía e un axente acompañouna ao hospital para que a recoñecese outro médico e un forense.

Versión do home

O acusado argumentou que a relación sexual fora consentida Asegurou que se estiveran bicando e tocando na discoteca, tamén cando ían cara á súa casa e no lugar no que tiveron relacións sexuais e que a moza non manifestou negativa en ningún momento.

Informe forense

O informe forense non apreza lesións na zona vaxinal e o tribunal apunta que a moza incorreu en contradicións nas súas declaracións ao longo do procedemento. Así mesmo, a sentenza indica que aínda que recibiu tratamento por un trastorno de tensión postraumática en grao moderado, non está probado que se debese a un delito contra a liberdade sexual.

También te puede interesar