A Mancomunidade de Montes de Vigo ven de realizar unha solicitude formal no Rexistro Xeral do Concello para que nos vindeiros orzamentos de 2022 se incorpore unha partida específica para iniciar as obras do Anel Verde, en fase de tramitación desde 2017.
Previsible que haxa novos lumes
Esta iniciativa está refrendada polo acordo da asemblea xeral da Mancomunidade do pasado 11 de outubro no que as comunidades de montes consideraron necesario proseguir coas “xestións oportunas para lograr que se aborden todas aquelas accións que redunden na prevención dos incendios nos montes de Vigo“ toda vez que, segundo os expertos, é previsible que se volvan a producir grandes lumes dada o proceso de cambio climático que se está a vivir.
Nesta liña, tal e como se ten posto de manifesto no acto de celebración do IV aniversario dos lumes de 2017, a Mancomunidade de Montes ten manifestado a súa total disposición para contribuír na creación dun Anel Verde por parte do Concello, así como crear unha faixa de defensa pasiva cos concellos limítrofes por parte da Xunta.