Cultura

Persoeiros comprometidos coa cultura galega dan o seu nome aos parques infantís de Redondela

Seoane e María Miramontes

A Concellería de Normalización Lingüística de Redondela, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, continúa desenvolvendo a iniciativa posta en marcha polo Servizo de Normalización Lingüística (SLN) tendente a dar visibilidade –neste caso entre os máis pequenos e pequenas– aos homes e mulleres que amosaron o seu compromiso coa lingua e cultura galegas.

Así, as áreas infantís do municipio dotaranse de paneis informativos nas que figurará unha reseña biográfica das persoas que dan nome a cada un dos parques.

Seoane e María Miramontes

No caso de Cabeiro, no parque situado fronte ao CEIP Porto Cabeiro, a figura escollida foi a de Luís Seoane, escritor, editor e pintor exiliado en Arxentina. Dente o outro lado do Atlántico levou adiante numerosas e importantes iniciativas a prol da cultura galega e puxo en marcha, xunto a Isaac Díaz Pardo, o Laboratorio de Formas que sería o xermolo de Sargadelos.

Pola súa banda, o parque do Piñeiral do Creo, en Chapela, foi dedicado a María Miramontes, compañeira de Ánxel Casal, editor da editorial Nós e alcalde de Compostela fusilado no 36. Cómpre salientar que María Miramontes foi esquecida durante moito tempo e o seu nome no se unía ao traballo da imprenta cando, na realidade, era ela a encargada de coser os libros xa que, de profesión, era costureira. Tralo asasinato do seu home, exiliouse a Arxentina.

Hai que destacar, neste caso, a localización do parque que leva o seu nome: a carón da Biblioteca Xela Arias, para que así a súa memoria quede ligada aos libros.

Digna Rivas, que agradeceu o traballo realizado polo Servizo de Normalización Lingüística, lembrou a importancia desta iniciativa que vai permitir “que as máis pequenas e pequenos poidan coñecer ás mulleres e homes que, na súa vida, traballando por protexer e difundir a nosa lingua e a nosa cultura”.

Rivas insistiu na necesidade que as Letras Galegas “non queden cinguidas a un só día, senón que sexan unha constante ao longo de todo o ano” e lembrou que Redondela, “como Concello pioneiro en normalización lingüística, ten a obriga de seguir sendo un exemplo”.

También te puede interesar