Cultura

Cita inimaxinable no Castelo de Soutomaior para falar de literatura e igualdade

Rosalía, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Xela Arias, cenaron xuntas

Coa sinatura dun manifesto “histórico”, as escritoras máis notables dos últimos tres séculos puxeron o broche final a unha noite e madrugada inéditas, nun ambiente “cheo de maxia e de bos espíritos” e nunha “contorna única” como o Salón Nobre do Castelo de Soutomaior.

Un reencontro insólito, “case” imposible, no que a presidenta da Deputación Carmela Silva, participou “encantada e moi emocionada” acompañando ás creadoras ás que María Vinyals “convocou” como anfitrioa da fortaleza, como adoitaba facer en vida na súa época.

A reunión, que quixo celebrar o Día Mundial das Escritoras, foi dirixida pola propia Vinyals -representada pola escritora Mariana Carballal-, contou coa “presenza” de autoras xa desaparecidas dos séculos XIX e XX -representadas por ilustracións de María Lapido, e as voces de recoñecidas actrices galegas con textos de Isabel Blanco- e tamén concitou ás plumas máis recoñecidas da actualidade literaria galega.

Carmela Silva definiu este inimaxinable “Encontro de Escritoras”, organizado pola Deputación e comisariado pola creadora Isabel Blanco, como “único e marabilloso, que forma parte da tradición histórica das mulleres que ao longo da historia se reunían ben de xeito público e notorio, como as que organizaban as sufraxistas, ben en segredo, para tomar decisións e reclamar os nosos dereitos”.

“Vimos de crear –detallou a presidenta provincial- un histórico e sorprendente espazo literario onde
escritoras, poetas e feministas do pasado, xunto a escritoras e artistas do noso tempo e mulleres e mozas de Soutomaior, comandadas pola dona do castelo, María Vinyals, reivindican que as mulleres sempre aportamos moito á cultura, fomos grandes escritoras e nos conxuramos para seguir facendo as reclamacións que
tristemente temos que seguir demandando neste século XXI”.

Escritoras e feministas: de Emilia Pardo Bazón a Xela Arias

No especialísimo cumio as mulleres escritoras e feministas foron recibidas no Castelo pola “Marquesa roxa”, representada por Mariana Carballal, quen amosou a súa “felicidade” por “encher este salón tras tanto tempo”. Trala intervención de María Vinyals chegou a quenda das autoras do século XIX e XX que volveron do pasado e, así, foi posible escoitar de novo a voz de mulleres como Emilia Pardo Bazán a través de Isabel Blanco e de Ángeles Barreiro que leu un fragmento de “La Tribuna”;

Rosalía de Castro a través de Tero Rodríguez e de Carmen Álvarez, que leu un fragmento de “Lieders”; Juana de Vega a través de Isabel Blanco e Rita Míguez, que leu un fragmento do discurso á raíña Isabel II; Filomena Dato a través de Antela Cid e Teresa Vidal, que leu un fragmento do poemario “Follatos”; Concepción Arenal a través de Estíbaliz Veiga e Sara Rodríguez, que leu un fragmento de “La educación de la mujer”; Concha Castroviejo a través de María Costa e Carla Rodríguez, que leu un fragmento de “Víspera del odio”; Pura Vázquez a través de Casilda Alfaro; Xela Arias a través de Silvia Penas e de Aldara Cabaleiro, que leu un fragmento do poema “Intempériome”; e Sofía Casanova coa voz de Débora Vukusic e de Valeria Narciso, que leu un fragmento do poema “Quero Galicia, no teu adorado seno”.

Posteriormente tivo lugar a actuación da soprano Esperanza Mara, que rendeu homenaxe á tiple-contralto Lucrecia Arana, que tantas veces visitou o Castelo de Soutomaior xunto ao escultor Mariano Benlliure na época de Vinyals.

Tamén tomaron a palabra escritoras do século XXI, presentes no Castelo, como Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Regina Vega, Arantza Portabales e Ledicia Costas que, ao igual que as escritoras do século XIX e XX, leron un breve fragmento de obras da súa autoría e recibiron de mans da presidenta provincial unha camelia. Xunto ás escritoras, reuníronse tamén no Castelo de Soutomaior a presidenta da asociación “Clásicas y Modernas”, Fátima Anllo, e mulleres do mundo libreiro, da edición ou da ilustración como Mercedes Corbillón, Edurne Baines e María Lapido. Tamén participaron veciñas e nenas de Soutomaior, para as que Vinyals sempre esixiu a mesma educación e instrución que a que recibían os homes, e ás que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo entrega de libros.

Tralo faladoiro literario tivo lugar a cea das convidadas, con conversas que se estenderon ata altas horas da madrugada, e con reflexións, reivindicacións e debate.

También te puede interesar