A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela vén de adquirir dúas biotrituradoras portátiles para permitir o tratamento de restos vexetais polas veciñas e veciños que así o soliciten, independentemente de que sexan ou non participantes nos programas de compostaxe doméstica.
Con esta iniciativa, na que o Concello investirá algo máis de 2.000 euros, afóndase no programa ‘Redondela Composta‘ que busca mellorar o sistema de compostaxe existente no municipio e incrementar a separación dos residuos sólidos urbanos na orixe.
Empréstamo
A posta en marcha deste sistema de empréstamo de biotrituradoras portátiles permitirá que veciñas e veciños poidan triturar aqueles restos vexetais para despois ser utilizado como estruturante nos composteiros, un material que neste momentos é deficitario no municipio redondelán.
Os aparellos adquiridos –cunhas dimensións de 60x100x100 (anchura, longo e altura) contan cun motor eléctrico e unha potencia mínima de 3 HP e están dotadas con coitelas desfribriladoras e contracoitelas que permiten a corta de produtos leñosos e fibrosos. A maiores, están dotadas de martelos móbiles para a trituración final para follas e ramas (cun diámetro máximo de 5 mm) e setos. A produción aproximada é de 1 metro cúbico/hora.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia da compostaxe “á hora de contribuír á mellora da calidade medioambiental” e a redución de custes no tratamento dos residuos sólidos urbanos.
“Os beneficios –asegura a rexedora local– son moitos e diversos xa que, non contribuímos a diminuír as emisións de CO2 a atmósfera eliminando a incineración de residuos, senón que afórrase na recollida de lixo e permite que as veciñas e veciños poidan dispoñer de fertilizando natural e de calidade”