O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 2 anos de cárcere e a suspensión para emprego ou cargo público durante un ano e medio que a Audiencia Provincial de Pontevedra lle impuxo a un sarxento da Garda Civil do Covelo por apropiarse de cartos dunhas tallas de árbores do municipio ao mediar en negociacións entre particulares e, posteriormente, falsificar documentos para dar aparencia de legalidade á súa actuación.
En concreto, foi condenado como autor de dous delitos de apropiación indebida, dous delitos de omisión do deber de perseguir delitos e un delito de falsidade en documento público.
Os maxistrados da Sala do Civil e Penal do TSXG salientan que a sentenza da Audiencia é “moi clara no seu relato fáctico”, que foi “admitido polo acusado”, á vez que inciden no feito de que “non lle corresponde ao axente o decidir se e cando se tramita unha denuncia presentada na oficina ao seu cargo nin decidir de maneira preliminar se estamos ante unha cuestión civil ou penal, sexa desta índole, de tráfico ou de calquera outra materia xurídica discutible”.