Despois de dous anos de parón pola pandemia, a Deputación retomará no vindeiro 2022 os campamentos de DepoAventura no Centro de Vacacións da Lanzada. Contará con 1.540 prazas adaptadas á nova realidade de prevención e as disposicións que as autoridades sanitarias diten no momento da súa celebración.
Prioridade a aquelas nenas e nenos que non puideron participar
O programa está aberto a crianzas empadroadas na provincia con prioridade, tal e como explicou a presidenta Carmela Silva, “a aquelas nenas e nenos que, cumprindo todos os requisitos, non puideron participar no campamento do 2019 por mor da covid a pesar de estar seleccionadas e seleccionados”.
DepoAventura ofertará 1.540 prazas das que 210 estarán reservadas a menores en situación ou risco de exclusión social e outras 25 para nenas e nenos de Príncipe Felipe. “Mantemos o noso compromiso de reservar praza a aquelas nenas e nenos cuxas familias non poden afrontar o campamento”.
Nenas en nenos nados entre 2009 e 2014
A presidenta tamén explicou que as nenas e nenos, nadas entre os anos 2009 e 2014, distribuiranse en 11 quendas de
140 cada unha entre o 26 de xuño e o 10 de setembro e que, ao igual que en anos anteriores, as prazas serán adxudicadas por sorteo.
Na Lanzada “poderán desfrutar dun amplo programa de actividades socioculturais, recreativas, formativas, medioambientais, científicas e de convivencia xa que non queremos que sexa só unha actividade de lecer, senón tamén un espazo de aprendizaxe e transmisión de valores”, asegurou Carmela Silva.
Amais as nenas e nenos “atoparán instalacións melloradas” ao terse “ampliado o comedor, realizado tarefas de acondicionamento no arborado e instalado novas tendas de campaña para cumprir coas distancias de seguridade estipuladas xa que se ben antes durmían cinco nenas ou nenos en cada tenda agora a cifra redúcese a tres”.