A ponteareá Melania Rodríguez continúa a escribir a súa historia no mundo da ximnasia. A deportista, de tan só 20 anos, acaba de participar en dúas finais do Campionato do Mundo de ximnasia de trampolín que se celebrou en Bakú (Acerbaixán), logrando o bronce na especialidade de dobre minitramp.

Melania obtivo a terceira mellor puntuación, 69.600 puntos, por detrás da sueca Lina Sjoeberg (70.900), que logrou o seu terceiro mundial consecutivo, e a estadounidense Shelby Nobuhara (70.000). Un resultado que reforza as
súas posibilidades para participar nos Xogos Olímpicos de París do 2024.

Con só 20 anos, ademais destas dúas finais, Melania Rodríguez ten no seu palmarés, entre moitos éxitos, un podio no Campionato do Mundo de ximnasia no 2018 e dous títulos europeos júnior consecutivos. Unha carreira chea de éxitos, malia as lesións. No ano 2019 sufriu unha fractura no metatarsiano, e despois un accidente de tráfico que lle impediron participar en tres das copas do mundo que se celebraron, fundamentais para clasificarse para os Xogos Olímpicos de Tokio.