“Este non é calquera acto, é un acto cunha enorme simboloxía”. Así recibiu Carmela Silva ao nos compañeira Pily Reñones que, dende hoxe ten dúas da súas fotografías lucindo no Pazo Provincial, sede da Deputación de Pontevedra.
Son as imaxes coas que Pily Reñones foi candidata aos Goya da Fotografía “Escóitame” e “A balanza da vida”, que retratan, nos dous casos a mulleres maiores. A primeira delas está nun balcón, cun rosario na man; na segunda aparece unha muler, tamén anciá, tras o mostrador dunha tenda de ultramarinos, xunto á balanza que empregaba para despachar no comercio.
Antes de descolgar as teas que cubrían as imaxes a artista deixou plasmada a súa sinatura no Libro de Honra da institución e recibiu como agasallo a escultura dunha camelia, símbolo das mulleres sufraxistas, realizada por Ana Tenorio.
“Mulleres das que somos herdeiras”
Carmela Silva, subliñou que as mulleres retratadas por Pily Reñones son “aquelas das que somos herdeiras, que traballaron ao longo da historia e que son a forza que nos impulsa hoxe a todas. Son a luz da nosa batalla”.
Pily Reñones, visiblemente emocionada, deulle as grazas á presidenta “por abrirme as portas e crer en min como profesional e como persoa”. A artista asegurou estar “moi orgullosa porque as fotografías descansen no Pazo Provincial e poidan ser desfrutadas por todas as pontevedresas e pontevedreses” xa que nelas “está un anaquiño do meu
corazón”.
A fotógrafa tamén fixo un recoñecemento á súa nai e ao seu pai por apoiala de xeito incondicional dende nena coa súa paixón e lembrouse do resto da súa familia, que non puido asistir ao acto.