A Comisión de Industria, Comercio e Turismo do Congreso dos Deputados aprobou onte unha iniciativa, impulsada polo BNG, para que o Goberno do Estado active medidas para atallar a grave crise do sector naval de Vigo. O deputado do Blque, Néstor Rego, conseguiu o apoio a unha iniciativa que busca asegurar a continuidade de Barreras e recuperar a actividade en Vulcano (agora San Enrique). A proposta, que incorpora achegas de diferentes grupos políticos como PSOE, UP e PP, contou con 30 votos a favor dos 35 da Comisión.
Colaboración público-privada
1. Impulsar a adopción das medidas necesarias para garantir a continuidade da actividade do estaleiro Barreiras e a continuación da mesma no antigo Vulcano, así como para dar resposta á grave crise que padece o conxunto do sector naval de Vigo, accións que deberán ser desenvoltas de forma coordinada coa Consellería de Industria da Xunta de Galicia.
2. Estudar un instrumento de colaboración público-privada entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal na Ría de Vigo, para establecer sinerxias que permitan o desenvolvemento de proxectos, procesos e investimentos comúns.
Proxecto estratéxico para o sector
3. Impulsar un proxecto estratéxico específico para o sector naval e as industrias auxiliares no marco dos fondos europeos NEXT Generation EU que permita unha transformación verde e dixital do sector e unha diversificación da súa actividade cara á fabricación de produtos desde unha perspectiva máis sostible e incluír á Administración Galega nas reunións que poidan promover co sector para a definición e alcance das axudas en favor da reactivación e modernización desta cadea de valor estratéxica.
4. Promover ante a Comisión Europea a correspondente proposta de modificación do Real Decreto de delimitación da zona de promoción económica para Galicia, e así incluír ao naval entre os sectores promocionábeis conforme á normativa de axudas rexionais. E unha vez obtida a autorización da Comisión, aprobar un novo Real Decreto no que se faga constar ao sector naval como promocionábel.
Mesa do Naval
5. Colaborar na procura e identificación de posibles socios investidores para facerse cargo da continuidade do estaleiro de Barreiras poñendo á súa disposición todos os instrumentos de financiamento e apoio de que se dispoñan.
6. Continuar mantendo unha comunicación co sector naval e impulsar, se así o require o sector, a creación dunha Mesa do Naval, coa participación de todas as administracións, así como das organizacións sindicais e empresariais máis representativas para buscar solucións efectivas que garantan a viabilidade e continuidade do sector naval no noso país.