Comarcas

A Deputación investiu 62 millóns no Condado-Paradanta nos últimos 6 anos

Destinará 13,5 millóns en 2022

A Deputación investiu 62 millóns no Condado-Paradanta nos últimos 6 anos

Os nove concellos que integran as comarcas do Condado e A Paradanta recibiron 61.868.006 euros da Deputación de Pontevedra dende que en 2016. “É o maior investimento da historia da Deputación nestas dúas comarcas e en cada un dos concellos”.

13,5 millóns en 2022

Carmela Silva, rendeu contas cun almorzo informativo celebrado en Ponteareas, que aproveitou tamén para anticipar os 13,5 millóns de euros que, a maiores das partidas previstas, chegarán durante o ano próximo.

Procederan do Plan Concellos bianual (8,8 millóns); das sete grandes obras que vai financiar o plan extraordinario ReacPon (3,3 millóns) e dos 1,5 millóns de euros do Plan de Sostibilidade Turística en Destino para o Condado e A Paradanta presentado pola Deputación.

“Nin por asomo ningunha Administración achégase a este volume de investimento no territorio“, comentou Silva qeun concretou que neste 6 anos Ponteareas ten recibido 14,6 millóns de euros; Mondariz, 7,9 millóns; Mondariz-Balneario, 2,9 millóns; As Neves, 7,1 millóns; Salvaterra, 6,7 millóns; A Cañiza, 7 millóns; Arbo, 5,6 millóns; Covelo, 5,3 millóns e Crecente, 4,8 millóns de euros.

Plan ReacPon

A presidenta, despois de poñer en valor os 8,8 millóns que chegarán o ano próximo co Plan Concellos bianual, explicou que o plan extraordinario ReacPon terá un especial impacto no Condado-Paradanta.

O mesmo financiará o Camiño Escolar Seguro ao colexio Ramiro Sabell, de Ponteareas (722.645 euros de achega Depo cun proxecto de 963.527 euros); a Área de Deporte Urbano de Mondariz (392.079 euros sobre 435.643 euros); Humanización da travesía Eira da Liñaza das Neves (359.799 euros de achega provincial cun proxecto de 399.776 euros); humanización da rúa Marqués de Viana (498.000 euros sobre 586.687 euros); a rehabilitación enerxética da piscina da Cañiza (551.239 euros sobre un total de 689.049 euros); Recuperación do núcleo de Paraños, en Covelo (373.500 euros sobre 415.000 euros); e, finalmente, humanización da praza Ana Pastor de Crecente (359.770 euros dun total de 409.008 euros).

Fondos Next Generation para 12 accións turísticas no Condado-Paradanta

A presidenta amosouse especialmente satisfeita de ter conseguido 1,5 millóns de euros de fondos Next Generation para o Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Condado-Paradanta. O mesmo desenvolverá 12 accións específicas.

Unha das máis salietábeis é o plan director da contorna do castelo de Sobroso con medidas para “renaturalizar” o espazo. Tamén abrangue a posta en valor as ribeiras dos ríos Deva, Tea, Oitavén e Miño; plan de iluminación eficiente do patrimonio histórico-artístico; plan de mobilidade integral dos nove concellos da comarca; creación dun produto turístico de realidade virtual sobre a festa do Corpus de Ponteareas xunto co seu primeiro museo ao aire libre; ferramentas dixitais para interpretar  castros e pesqueiras; recuperación do patrimonio etnográfico; melloras do centro interpretación do río Tea; plan de márketing para o lanzamento da marca do xeodestino Condado-Paradanta; configuración de novos produtos turísticos sostibles; inauguración dun centro BTT comarcal;  “club de produto” da lamprea e, finalmente, configuración dun ente xestor encargado de levar todo isto a cabo.

403 obras, 212 actividades e 926 empregos da man do Plan Concellos

O Plan Concellos, nacido en 2016 é “o instrumento inversor máis potente” para investir no Condado-Paradanta. Por esta canle de cooperación institucional chegaron 30,1 millóns de euros que financiaron 403 obras, 212 actividades socioculturais e a contratación de 926 persoas paradas.

DepoRense e Plan de Reequilibrio

Carmela Silva amosouse orgullosa dos resultados dos plans extraordinarios para a recuperación de espazos públicos municipais (DepoRemse) e construción de equipamentos e dotacións públicas en concellos que non tiveran ocasión de financialos (Reequilibrio).

No primeiro caso  a chegáronse case 1,8 millóns de euros para as obras da contorna do complexo deportivo Álvaro Pino e o Centro de Saúde de Ponteareas; urbanización do centro urbano de Mondariz; seguridade viaria na rúa Rosalía de Castro das Neves; construción de pasos de peóns sobreelevados en Salvaterra; humanización da contorna do colexio da Cañiza; mellora da seguridade viaria en Covelo e a conexión peonil entre os principais equipamentos públicos de Crecente.

O Plan de Reequilibrio supuxo tamén preto de 1,5 millóns que permitiron a Mondariz mellorar os accesos, a cantina e os vestiarios do campo de fútbol da Lagoa; nas Neves reformaron o Centro Sociocultural de Rubiós; na Cañiza construíron o Parque Central; en Covelo urbanizaron a praza de Barciademera e, finalmente, en Crecente foi posible mellorar o pavillón polideportivo.

A presidenta destacou tamén que os concellos de Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra e A Cañiza acadaron 50.000 euros cada un para redactar proxectos de recuperación do espazo público para os peóns no marco do Plan Ágora.

Un momento da rolda de prensa

13 millóns para as estradas provinciais do Condado-Paradanta

Os mesmos repartíronse en 59 proxectos executados ou coa execución avanzada. Carmela Silva explicou que estas comarcas teñen 59 estradas cunha lonxitude de 241 Km. Trátase dunha das máis extensas xunto co Deza.

A Deputación executou obras na práctica totalidade das vías que cruzan O Condado e A Paradanta. Agora mesmo, explicou, estanse a marcar as marxes da estrada entre Ponte do Val e Barciademera (EP-4306), onde se van investir 864.959 euros na mellora da seguridade viaria.

O Concello de Mondariz xa conseguiu moitos dos terreos necesarios e estanse a estudar os restantes. Tamén está en fase de adxudicación a obra, por valor de 142.070 euros, para mellorar a mobilidade peonil na EP-4006 Ponteareas-As Neves. E, finalmente, nesta mesma estrada estase agardando a que rematen as obras de construción dun muro no antigo colexio de Leirado (Salvaterra) para comezar a mellora da mobilidade peonil, con outros 214.127 euros.

Tamén dende a área de Infraestruturas construíronse 70 pasos de peóns sobreelevados e 113 badéns redutores de velocidade.

Finalmente, a Deputación financiou os Plans de Mobilidade Sostible (PMUS) de Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Arbo e Covelo, uns PMUS que, explicou, son requisito para optar a fondos de mobilidade europeos. “Non sei doutra deputación en España que o fixera”, recalcou.

Igualdade

A área provincial de Igualdade repartiu 73 subvencións a diversos colectivos e concellos para desenvolver accións de corresponsabilidade ou loita contra a violencia de xénero por importe total de 424.661 euros. Mentres tanto, dende Cohesión Social repartíronse nestes 6 anos máis de 2 millóns de euros, que se traduciron no financiamento dos Servizos Sociais de tódolos concellos de menos de 20.000 habitantes (1.928.752 euros),; axudas de emerxencia social “para as persoas con máis dificultades” e o cofinanciamento da teleasistencia, As subvencións ás 169 entidades do terceiro sector que traballan nestas comarcas alcanzaron os 164.257 euros.

Emprego

O servizo de Emprego financiou 138 contratos nos nove concellos cun importe de 1.100.000 euros a través do Plan de Práctica Laboral, O Teu Primeiro Emprego, así como as prácticas no estranxeiro para o alumnado de FP co programa Prácticum Depo.

A musealización do castelo de Sobroso

O servizo de Turismo deixou máis de 1,1 millóns de euros neste territorio, dos que 895.000 euros investíronse no castelo de Sobroso.

Carmela Silva aproveitou para anunciar que a principios do próximo ano remata a ambiciosa musealización “que será moderna, máxica e non deixará a ninguén sen deixar escapar un oh!

Ademais, recalcou que a promoción da Festa da Lamprea  de Arbo e o Corpus de Ponteareas viu triplicado o apoio da Deputación. Ambas festas reciben 8.000 euros ao ano. Tamén no capítulo de anuncios anticipou a dixitalización das oficinas da rede Rías Baixas de As Neves e Salvaterra da man do programa provincial, dotado de fondos europeos, Tourism Inside.

Sector Primario

A aposta polo sector primario foi outro dos eixes da acción da Deputación que subvencionou actividades e investimentos de tres cooperativas. Neste eido tamén recalcou que se investiron outros 693.381 euros en facer posibles os parques forestais de A Picaraña, O Viveiro, San Cibrán-Muíños-Couso e Guillade (Ponteareas), Gargamala, A Lagoa, Viveiro da Franqueira e Muíños do río Xabriña (Mondariz), Serra de San Fins (As Neves), Monte Castelo (Salvaterra) e Serra de San Fins, Bouza de Miguel e Parque de San Xoán (Arbo).

O coidado do medio ambiente ten tamén unha referencia no Condado-Paradanta coa axuda do plan provincial Revitaliza para o tratamento dos residuos orgánicos. Ata tres concellos (Mondariz, Mondariz-Balneario e As Neves) entraron en fase 2 autoxestionando esta fracción do lixo. O investimento total da Deputación neste programa, que é referencia en toda Europa, foi de 1.425.223 euros.

Cultura

O servizo provincial de Cultura mobilizou case un millón de euros para “democratizar” a cultura levándoa a tódolos concellos. Subvencionou 1.275 actividades de diferentes colectivos, organizou 21 actividades propias e posibilitou 29 concertos do programa Musigal con artistas como Roi Casal, Budiño, Sés, Miladoiro, Susana Seivane, Luar na Lubre, Devacas, Andrea Pousa, Leilía, Xavier Díaz, Baiuca ou Óscar Ibáñez.

Esta aposta viuse reforzada polos 185.231 euros investidos para fomentar a lingua galega e impulsar actuacións de recuperación patrimonial. Dende a área de Deportes inxectáronse 550.582 euros en subvencións , das que 308 foron a clubs e 27 a deportistas individuais. Ademais deuse apoio estable a 15 escolas deportivas e financiáronse 70 actividades e competicións.

“Somos a Administración que máis inviste en Deporte porque mentres a Xunta distribúe unha parte importante de fondos que lle achega Abanca, nós só repartimos fondos propios”, deixou claro a presidenta provincial.

Pandemia

O apoio da Deputación con motivo da pandemia traduciuse en 424.000 euros a través dos 161.421 euros solicitados por A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salvaterra e Arbo. Ao tempo, recibiron 218.733 euros para reforzar os Servizos Sociais e outros 43.476 para implementar programas de corresponsabilidade durante a pandemia.

Carmela Silva denunciou que os concellos non recibiron “un só euro nin da Xunta, do Estado ou de Europa e, a pesar diso, tiveron que facer fronte a moitas cuestións que eran de competencia autonómica, dunha Xunta que si recibiu centos de millóns”.

También te puede interesar