Cultura

Redondela aproveita Culturgal 2021 para dar a coñecer o seu potencial cultural

O Concello redondelán foi, con Pontevedra, o único con stand propio

Cultura Redondela

As máis de 9.000 persoas que pasaron en Pontevedra polo Culturgal 2021, supuñan unha oportunidade única para amosar a capacidade cultural…e Redondela, non desaproveitou a ocasión.

O Concello redondelán –única administración que, xunto con Pontevedra, contaba con stand propio– amosou o seu potencial cultural, tanto pola cantidade como pola calidade dos eventos que, todos os anos, acolle o municipio.

Referente cultural na provincia

“Volvemos a ser un referente na cultura na provincia de Pontevedra”, non dubidou en asegurar a alcaldesa Digna Rivas logo de ser testemuña presencial da magnífica acollida que, na que é a gran feira da cultura de Galicia, tivo o expositor do Concello de Redondela.

Alí estaban, para o que os quixera mercar, CD’s de Alberto Vilas ou Efémeras, mentres que, de agasallo, as e os visitantes podían levarse discos da Escola de Saxos e un extraordinario recopilatorio de artistas locais realizado pola asociación ArteLixo.

De Meirande ao Festival de Títeres

Non faltou a información da programación cultural de Outono e Nadal, invitando a facer unha viaxe pola historia de Rande perfectamente explicada no Museo Meirande. Tamén os elementos do patrimonio inmaterial como as Penlas, a Coca ou do patrimonio máis tanxible como o Cemiterio dos Eidos, cargado de historia e beleza arquitectónica recentemente recuperado.

As e os visitantes tiveron a oportunidade de coñecer eventos que, ano tras ano, colocan a Redondela no mapa da cultura de Galicia e do resto do Estado como é o caso do Festival Internacional de Títeres de Redondela, un referente, como seu propio nome indica, a nivel internacional, ou o ArteLixo, certame que crece de xeito exponencial co paso do tempo.

A concelleira de Cultura amosou a súa satisfacción “pola enorme acollida que tivo o stand e polo interese que amosaron pola actividade cultural de Redondela todas as persoas que por el pasaron”.

700 persoas preguntan pola oferta cultural de Redondela

En total máis de 700 persoas solicitaron información da oferta cultural no stand do Concello de Redondela das que, máis de 200, levaron as bolsas con material divulgativo sobre dita oferta. Digna Rivas subliñou que a maioría son residentes na provincia de Pontevedra, “se ben coñecían Redondela e máis dunha vez tiñan visitado a vila e paseado polas súas rúas e prazas, descoñecían a ampla oferta cultural que o municipio ofrecía e que supón, segundo comentaron, un bo motivo para realizar novas visitas”.

Nesta edición de Culturgal quedou claro, afirmou a alcaldesa, “que Redondela posúe unha oferta cultural extraordinaria, non só en canto a cantidade e variedade, senón tamén no que atinxe á fortaleza que lle permitiu sobrevivir pese a complexa situación que, para o mundo da cultura, representou e representa a pandemia da COVID-19″

También te puede interesar