Unhas 450 persoas se achegaron este mércores á Praza do Calvario, no Rosal para sumarse á concentración convocada pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública e polo Concello. Denunciaron, de novol a “precaria” situación da Atención Primaria na vila. Na actualidade, apuntaron, non conta xa cos servizos necesarios para unha asistencia sanitaria digna.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, reivindicou as medidas apoiadas polas veciñas e veciños e as mobilizacións iniciadas dende a plataforma e dende o Concello, porque “non podemos deixar que nos quiten este dereito e poñan en risco as nosas vidas”.
O Rosal, sen médicos de Atención Primaria
Agora mesmo, a falta de persoal que cubra as baixas e vacacións deixou ao centro de saúde do Rosal sen ningún médico de Atención Primaria. Iso supón que non se pode pedir cita para consulta e que só se atendan as urxencias con médicos de garda. Tampouco hai na vila nin matronas nin pediatra, que se desprazou á Guarda pola crise sanitaria e non volveu.
O mesmo ocorre co consultorio de San Miguel de Tabagón, pechado pola Consellería de Sanidade dende comezos da pandemia sen perspectiva de que se lle dote de persoal.