A Xunta licitará a comezos do ano que ven as obras de urbanización do primeiro polígono de San Paio de Navia.
O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, avanzou este compromiso do Goberno galego durante a súa intervención no Parlamento.
As obras licitaranse estean ou non aprobados os proxectos polo Concello
García sinalou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adopta esta decisión adiantándose a un procedemento ordinario, pois o habitual é licitar unha vez que os proxectos están aprobados pola administración local.
Nese sentido, avanzou que se procederá á licitación das obras de urbanización “estean ou non aprobados os proxectos de urbanización polo Concello de Vigo”, para poñer fin ás demoras inxustificadas que “non son unha novidade para a Xunta”, pois “xa se atrasara a aprobación do plan parcial”.
Demoras na tramitación municipal
Segundo manifestou o director do IGVS, desde o inicio da tramitación ata a aprobación definitiva do plan parcial pasaron catro anos e un mes e advertiu que, se a demora na tramitación municipal non se rexistrara, “hoxe as obras de urbanización da primeira fase xa estarían en execución”.
80 vivendas de protección pública
Así mesmo, adiantou que a principios do vindeiro ano tamén se licitará a redacción dos proxectos de construción de 80 vivendas de protección pública (VPP) que forman parte das 733 que conforman o primeiro polígono —que abarca unha superficie de case 100.000 m2 — dos tres que conforman San Paio de Navia.
Este traballo acompasarase coa convocatoria do concurso para a adquisición de parcelas no mesmo ámbito, que se
destinarán preferentemente á construción de vivendas protexidas de réxime especial en alugueiro, executadas por cooperativas e promotores privados.
Odirector do IGVS lembrou que esas entidades poderán optar ás axudas, de ata un máximo de 50.000 euros por vivenda, polo que “esta é unha boa oportunidade para que o Concello de Vigo se implique na construción de vivenda pública”.