O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar un Pleno extraordinario do Concello de Vigo polo “caso do ‘enchufe’ da cuñada da tenente de alcalde”. O voceiro municipal deo BNG, explicou que esa solicitude realízase “diante do silencio do Goberno municipal tras a condena dun alto funcionario” municipal.
Reprobación, non dimisión
Este martes pasado, vigoalminuto informaba de que PP, Marea de Vigo e BNG impulsaban a convocatoria de este Pleno para pedir a dimisión de Carmela Silva, non é así, cando menos no caso do Bloque que, sinalaba onte Xabier P. Igrexas, pedirá a reprobación de Silva-coa que goberna en coalición na Deputación- e Caballero, “pola falla de explicacións e a inacción diante deste escándalo”.
O concelleiro do BNG sinalou que “nin a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, nin o alcalde, Abel Caballero, deron explicación ningunha. O único que fixeron foi agocharse no silencio ou nunha oportuna afonía para despois negarse a contestar as preguntas dos medios de comunicación e mesmo desprezalas”.
Actitude “intolerábel”
Igrexas cualificou a actitude do Goberno municipal de Vigo como “intolerábel en termos democráticos e incompatíbel coa exemplaridade ética que se nos debe esixir a todas e todos os representantes públicos”. O concelleiro nacionalista valorou que un caso “tan grave”, no que un alto funcionario do Concello de Vigo “con evidentes e importantes vinculacións co PSOE, roubou 108 mil euros de diñeiro público para favorecer a cuñada de Carmela Silva, non pode ficar impune a nivel político”.
Propostas de BNG e Marea de Vigo
O portavoz do BNG explicou os puntos que serán sometidos a votación neste Pleno extraordinario. Propostas que, clarificou, foron realizadas fundamentalmente polo BNG e tamén pola Marea de Vigo “non sendo ningunha iniciativa Partido Popular”.
Entre as propostas de acordo inclúese que o Pleno rexeite de maneira contundente “este caso de corrupción“; a reprobación de Silva e Cabalelro “pola falla de explicacións e a inacción diante deste escándalo”; crear unha Comisión Especial de Investigación para depurar responsabilidades; a posta en marcha dunha Oficina Municipal Anticorrupción e constituír, no prazo máximo de 30 días, a Comisión informativa de Vixilancia da Contratación no Concello de Vigo.
Desde a fronte nacionalista aclaran que a decisión de acordar esta convocatoria de Pleno extraordinario fai “prevalecer a hixiene democrática por enriba doutras consideracións”. Porén, o portavoz do BNG de Vigo advertiu do “relato oportunista” do PP por querer liderar este caso cando a súa formación “non está en condicións éticas de abandeirar ningunha loita pola decencia e a honradez”.
Marnotes estivo co alcalde “e non se atreveu nin a preguntarlle por este caso”
Igrexas lamentou a “intensidade impostada” polos populares “cando o mesmo día que se coñecía a sentenza o seu portavoz municipal, Alfonso Marnotes, se reunía co alcalde e non se atreveu nin a preguntarlle sobre este caso de corrupción”. Nese sentido, recordou que basta con ver a recente declaración do ex presidente Mariano Rajoi no Congreso “para comprender que o PP non ten a máis mínima lexitimidade para exixir limpeza nin ética”.
O portavoz das nacionalistas de Vigo acusou aos populares de querer repetir o “bochornoso” Pleno extraordinario celebrado no mandato anterior por este mesmo caso que quedou reducido a “un lamentábel e ti máis” entre PSOE e PP.
“Pode que teñamos que facelo cunha pinza no nariz, pero farémolo para evitar que a peste a corrupción que envolve o goberno de Caballero siga atufando a cidade”, sentenciou o concelleiro nacionalista.