Galicia despide un outono meteorolóxico con temperaturas cálidas e moi seco, no que se rexistrou un 34% menos de chuvias.
Temperaturas altas…
Así se recolle no último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, sobre estas dúas variables ao longo de setembro, outubro e novembro. Os meses presentaron comportamentos moi diferenciados entre eles, sobre todo tendo en conta as precipitacións rexistradas.
Así, mentres setembro e outubro rexistraron en xeral temperaturas cálidas para esta época do ano, novembro presentou valores máis baixos dos normais, polo que se considera frío.
En todo caso e tendo en conta a estación no seu conxunto, o outono foi cálido en Galicia, cunha temperatura media obtida a partir das estacións meteorolóxicas máis representativas de 14.7 ºC, é dicir, 0.25 ºC máis do esperado.
…e precipitacións baixas
En canto á precipitación media -recollida polas 16 estacións máis significativas, esta foi de 269 L/m 2 , o que se traduciu nunha anomalía negativa dun 34% con respecto aos valores normais. Estes rexistros explican porque Galicia acaba de despedir un outono moi seco.
En calquera caso, o comportamento da chuvia tamén foi desigual nestes tres últimos meses. O período comezou cun setembro que se pode considerar normal en canto á cantidade de auga recollida no conxunto da comunidade, a pesar de estar cun 5% de diferencia co valor climático.
Outubro, pola contra, foi un mes seco, pois a porcentaxe de precipitación foi un 19% inferior ao normal. Esta situación agudizouse no mes de novembro, no que choveu un 63% menos, polo que este intervalo temporal se considera moi seco.
Cálido e seco
Tendo en conta o comportamento deste outono climatolóxico co período de referencia 1981-2010, as temperaturas máximas foron cálidas, mentres que as mínimas foron normais; sendo o de 2020 o precedente máis cálido. En relación coas chuvias, o precedente máis seco é o ano 2017.