A Deputación de Pontevedra ven de rematar as obras de posta a punto dos semáforos instalados nas estradas provinciais ao seu paso por Mos. Desde a pasada fin de semana, xa están de novo en funcionamento para manter a funcionalidade e seguridade viaria nas estradas.
Peinador-Louredo e Puxeiros-Peinador
Trátase as instalacións semafóricas situadas en zona urbana das estradas EP-2602 Peinador – Louredo, PQ 1+650; EP-2601 Mos – Puxeiros , PQ 1+800, e na EP-2603 Puxeiros – Peinador, PK 0+020, que regulan a incorporación do tráfico dende vías municipais ao tratarse de interseccións en cruz. Tamén en tramo urbano, no PK 0+020 da EP-2603 existe un paso de peóns regulado con semáforos.
As obras de posta a punto, realizada pola empresa Setga cun coste de 6.282 euros, desenvolvéronse no marco do convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos. O mesmo establece que a partir de agora será o Concello o responsable do mantemento dos elementos de regulación do tráfico. Corresponderalle a vixilancia periódica da funcionalidade dos semáforos, continuando a ser titular do subministro eléctrico dos mesmos e sendo do seu cargo a conservación.