A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais na parroquia de Candeán. As actuacións iniciáronse no transcurso da inspección levada a cabo por parte dos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, tras a notificación desde o Servizo de Emerxencias do 112 dun vertido que afectaba ao dominio público.
Procedente da rede municipal de saneamento
Na visita localizouse un foco de auga residual procedente da rede municipal de saneamento cara a un regato que discorre baixo o camiño Sorrego, no lugar de Goleta.
Os técnicos notificaron ao Concello a existencia do vertido para que se adoptasen as medidas necesarias para a súa emenda, efectuando mostraxe do caudal de augas residuais para avaliar a carga contaminante.
Nunha visita posterior, os inspectores constataron o cese do vertido, ao resolverse o atranco na rede que motivaba a sobrecarga hidráulica.