Os arredor de 1.600 empregados de Bosch en Vigo están chamados a tres xornadas de folga de 24 horas este
mércores 5, o venres 7 e o luns 10 de xaneiro. O paro servirá para rexeitar as pretensións da compañía do sector dos centros de chamadas de “precarizar aínda máis as súas condicións laborais”.
Un ERE que non pode aplicarse
Segundo explican dende a representación sindical, a dirección quere impoñer unha “modificación substancial” das condicións de traballo a 400 persoas tras verse obrigada a retirar o ERE que pretendía aplicarlle a 90.
Folga apoiada polos traballadores
O comité de empresa de Bosch (12 delegados da CIG, 5 de CCOO, 5 de UGT e 1 independente) decidiu convocar
os tres días de paro tras consultar co cadro de persoal nas distintas asembleas telemáticas que se levaron a cabo
nos últimos días tendo en conta que boa parte dos empregados atópanse en situación de teletraballo como
consecuencia da pandemia.
Unha “suposta” adaptación ás necesidades do servizo
Xulio Paramos, presidente do Comité de Persoal, sinala que o inicio do conflito laboral remóntase a comezos do pasado mes de decembro, cando Bosch presenta un ERE para 90 persoas que xustifica nunha “suposta adaptación do persoal” ás necesidades dun servizo pendente de concurso.
En concreto, a medida afectaría a 50 traballadores/as dun departamento e a 40 de outro, que segundo a empresa sobrarían para facerse cargo dun servizo que Vodafone vai licitar.
Retirada do ERE
“Nada máis iniciar as negociacións coa empresa desmontámoslle esta argumentación, xa que non poden aplicar
un ERE en base a futuríbeis, tendo en conta que aínda non sabe se vai resultar adxudicataria do servizo”, indica
Paramos.
Cambios de quendas e redución da xornada
Bosch retira o ERE, pero presentan unha modificación das condicións de traballo para todo o persoal dos dous departamentos, arredor de 400 persoas.
“A medida inclúe cambios nas quendas horarias e reducións de xornada e non respecta nin a concreción horaria por garda legal”, sinala Xulio Paramos.
O comité anunciou que non vai aceptar estas modificacións “porque supoñen precarizar aínda máis as nosas condicións de traballo” e optou por promover a convocatoria de folga.
Ademais, desenvolverá unha concentración diante das instalacións da empresa (rúa Barxa do Covelo) este venres día 7 de 12:00 a 13:00 horas.