O multiúsos da Xunqueira acolle, ata o vindeiro 28 de febreiro, a exposición das obras participantes na décimo sexta edición do concurso de fotografía convocado polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy e no que a instantánea ‘Libre’ de Manoel Souto Lorenzo, foi merecedora do premio á mellor fotografía do certame.
A exposición, que contou na súa inauguración coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e da concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, amosa todos os traballos presentados a este certame cada día máis consolidado e cita obrigada para os e as amantes da fotografía. A mostra chega ao multiúsos da Xunqueira logo de estar exposta no Círculo Cultural e Deportivo de Cesantes, lugar que tamén foi escenario da gala de entrega dos premios no pasado mes de decembro.
Cómpre lembrar que, amais do premio obtido por Libre de Manuel Souto Lorenzo, o cadro de galardonados e galardonadas, na categorá de adultos, o completaba Susana Ricón Soliño con Texturas (1º premio), Jesús Carrera Álvarez con Cuando llueve y hace sol (2º premio) eTirso Fermoselle Martín con Posando para mí (3º premio).
No que a categoría xuvenil fai referencia, os premios recaían en Aroa González Mosquera con Detalliños, mentres que na segunda praza foi para María Auria Nieto coa fotografía Outeiro das Penas.
Digna Rivas, que felicitou ás e aos gañadores “por ser quen de expresar en instantáneas cheas de beleza e plasticidade imaxes cotiás que, con frecuencia, pasan desapercibidas“, quixo tamén facer extensiva eses parabéns ao Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy que, “realiza unha labor imprescindible de recuperación, mantemento e posta en valor do patrimonio cultural de Redondela, no máis amplo sentido do termo, e permite transmitilo ás vindeiras xeracións evitando que caia no esquecemento”.