Unha das liñas estratéxicas do Goberno municipal de Mondariz neste mandato é “gañar eficiencia na subministración dos servizos públicos máis básicos”. Este proxecto ser´una realidade, tanto a través de investimentos que melloren as infraestruturas como a través do cambio de provedores.
Aforro na factura eléctrica
No último ano traballouse intensamente na análise da factura eléctrica municipal e do mercado enerxético para buscar alternativas que posibilitaran un aforro neses gastos correntes. Este esforzo permitiu acadar un novo contrato de subministración a través do Acordo Marco realizado pola FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) que “asegura un aforro anual de 43.000 euros”.
Este novo contrato para a subministración de enerxía eléctrica, aprobouse no último Pleno do Concello con cinco votos favorables (BNG, PSOE e Ciudadanos) e cinco abstencións (Alternativa por Mondariz e Partido Popular).
Investimentos para un maior aforro da factura eléctrica municipal
Para este ano 2022 está previsto que o Concello de Mondariz desenvolva os catro proxectos de aforro e eficiencia enerxética aprobados polo IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía).
Trátase de proxectos financiados nun 80% con fondos europeos correspondentes o período 2014-2020, están relacionados co cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público e a mellora de elementos básicos como os cadros eléctricos.
Máis de 1,5 millóns de euros
“É un investimento histórico que supera o millón e medio de euros e permite un aforro do 70% na factura eléctrica municipal, que antes da subida da luz xa rondaba os 200.000 euros”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
“É unha modernización integral de infraestruturas básicas que ningún Goberno municipal das últimas décadas afrontou e que beneficiará ao Concello de Mondariz durante moito tempo”, destaca.
Proceso iniciado no anterior mandato
No mandato anterior xa se tramitara un proxecto de instalación de luminarias LED a través dun programa da Deputación de Pontevedra, que está en vías de execución. Trátase da instalación de luminarias LED en 134 puntos de luz dos barrios de Lordelo e Aboal, na parroquia de Toutón, que non inclúe a renovación dos cadros eléctricos.
“A diferencia é que agora é o propio Concello de Mondariz quen promove e controla os proxectos, abarcando todos os elementos da rede que é necesario renovar para acadar a eficiencia enerxética que se busca”, sinala Barros.
Cambio a LED do alumeado municipal
O cambio a LED da rede municipal de alumeado público vai chegar a todas as parroquias, sen deixar a ningunha atrás, asegura o alcalde, quen subliña o importante esforfo económico do Concello.
A pesar de que estes proxectos están financiados nun 80% pola Unión Europea, o esforzo económico e administrativo do Concello de Mondariz é considerable; todo un desafío para un concello que a día de hoxe non chega a 5.000 habitantes e ten recursos moi limitados.
“Estamos traballando intensamente na xestión financieira destes proxectos para acadar a solución máis axeitada”, apunta Barros. “É un investimento que se vai amortizar rapidamente polo aforro que supón na factura eléctrica municipal”.