Persoal do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra rescatou nestes primeiros días do ano a dúas camadas de 8 crías que foron arroxadas a dous colectores nos núcleos urbanos en Lalín e Pontecesures.
Aínda que un deles faleceu ao chegar ao centro, os outros sete, con apenas horas de vida no caso de Lalín e escasos días no de Pontecesures, estanse a recuperar cos coidados ofrecidos polo persoal de Caan.
No lixo en Lalín
A primeira das camadas apareceu nunha caixa dentro dun colector en Lalín no mesmo día 1 de xaneiro, na Rúa Principal. Eran dúas femias, “Alicia” e “Ana”, e dous machos, “Leo” e “León”, quen faleceu polo delicado estado de saúde en que se atopaba.
Nun contedor en Pontecesures
Posteriormente, o día 12 de xaneiro persoal do centro da Deputación rescatou outra camada, cunha femia, “Sala”, e tres machos, “Yogui”, “Cibrán” e “Xenaro”, tamén nun colector na Rúa Victor García de Pontecesures.
O aviso o deu unha muller que viu como paraba un coche preto do lugar e tras escoitar un ruído, acercouse ao colector e veu os cans. Estaban tamén nunha caixa.
En boas condicións
Neste caso, os cachorros, que teñen días, están de momento en boas condicións e atendidos nas mesmas dependencias de maternidade, renovadas no ano 2020, do CAAN. De seguir a evolución favorable, os cachorros pasarán no centro ao menos tres meses ata completar as pautas de vacinación antes de saír en adopción.
Adopcións
Hai que lembrar que as adopcións no CAAN da Deputación son gratuítas e o persoal asesora ás persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades.
Para visitar o centro ou para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360 ou no 886 217 391.