Redondela estará presente na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2022, para dar a coñecer nesta cita toda a súa potencialidade turística.
O Concello redondelán estará presente no stand de Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño onde entregará diverso material “que amosa claramente o enorme potencial que temos en materia turística”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas.
A presenza de Redondela en Fitur servirá para poñer en valor, nun foro no que se dan cita turoperadores e profesionais do turismo de toda Europa, “o enorme patrimonio cultural, histórico, artístico e natural que ten Redondela”.
Do Cemiterio de Eidos á Ruta da Auga
O Cemiterio de Eidos como punto de referencia histórico-patrimonial; os lugares de interese do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio; a reactivación do Museo Meirande que o ten levado a converterse nun punto de visita obrigada; a Ruta da Auga ou a recen inaugurada Senda Verde, serán algúns dos atractivos que Redondela presente neste escaparate internacional.
Aproveitar o Camiño de Santiago
Digna Rivas fixo especial fincapé na necesidade de aproveitar o Camiño de Santiago como vía “permanente de entrada de visitantes”. Non se pode esquecer, subliñou a alcaldesa redondelá, “que somos o punto no que conflúen o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, dous das rutas xacobeas con maior crecemento e expansión que supoñen unha oportunidade única para dar a coñecer todo o que Redondela pode ofrecer“.