O Rosal continúa dando pasos para converterse nun municipio o máis sostible posible. Nese camiño, no que se aposta polas enerxías limpas e renovables, o Concello aprobou este xoves, nun Pleno extraordinario unha modificación orzamentaria para abordar a substitución das actuais caldeiras da Casa do Concello e da Escola de Pancenteo por unhas de biomasa.
Fondos do Insttituto Enerxético de Galicia
A renovación suporá un investimento de máis de 140.000 euros. O Concello conseguiu captar fondos europeos a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para financiar case o 75% do proxecto, máis de 102.000€.
As caldeiras, ao final da súa vida útil
Así, tras facer un estudo da situación na que se atopaban todas as caldeiras municipais, o persoal técnico estableceu que estas dúas estaban ao final da súa vida útil. “Tras analizar as diferentes alternativas posibles, tendo en conta o noso compromiso coa sostibilidade e que ambos os dous edificios están catalogados por Patrimonio, a mellor opción e a máis viable era mudar estas dúas caldeiras por dúas de biomasa”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Fondo de Cooperación e Solidariedade
Por outra banda, o Goberno municipal aprobou no pleno a adhesión do Concello do Rosal ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha asociación sen ánimo de lucro composta por 100 municipios de Galicia e as deputacións de Pontevedra, A Coruña que queren contribuír á erradicación da pobreza e das desigualdades a nivel global.
Tras este acordo, o Concello colaborará de forma activa coas actividades e proxectos desenvolvidos dende o Fondo Galego, achegando así o seu gran de area na mellora xeral da sociedade.