O Bloque Nacionalista Galego acusa o alcalde de Vigo de querer silenciar a oposición veciñal ao novo vial en Beade e Bembrive coa celebración dun Pleno extraordinario sobre a A-55.
Para o BNG os motivos deste Pleno, previsto para o vindeiro martes 1 de febreiro, son unha “farsa” e o que busca Abel Caballero é “desviar a atención sobre as protestas contra o novo vial PO-010”.
Invisibilizar o masivo rexeitamento a este vial
“É evidente que estamos diante dun falso debate co que o alcalde de Vigo pretende invisibilizar o masivo rexeitamento social a un vial inxustificado e que ameaza con tronzar unha parte moi importante das parroquias rurais da nosa cidade”, criticou o concelleiro do BNG Vigo.
Xabier P. Igrexas, que rexeitou ademais a urxencia do proxecto tendo en conta que carece de financiamento e o propio PXOM prevé executalo nun prazo de 18 anos.
“Coartada” do alcalde
Igrexas tachou de “coartada” que Abel Caballero convoque un Pleno extraordinario a partir dunhas declaracións do presidente da Xunta sobre a conexión da A-55, un debate que Igrexas valorou como a “enésima polémica estéril” entre o Goberno municipal e o galego.
‘Pleno clandestino’
O BNG de Vigo presentou ademais un recurso de reposición para esixir a presenza de público na sesión plenaria, dentro do estrito cumprimento das normas marcadas pola autoridade sanitaria, após ter decidido o alcalde de Vigo que se celebre a porta fechada. Para as nacionalistas non existe xustificación legal para “furtar o dereito dos vigueses e das viguesas” a escoitar en directo o debate no máximo organismo de representación da cidade.
Desde o Bloque propuxeron que se celebre o Pleno nunha instalación con maior aforo, como pode ser o Auditorio municipal, en caso de que o Goberno municipal considere insuficiente o espazo do salón plenario para garantir as normas sociosanitarias.