O Concello de Nigrán volve a financiar con 11.880 € a terapia canina do Centro de Educación Especial Juan María (Parada) durante todo este ano. Así o confirmou o propio o alcalde nunha visita para coñecer de preto esta metodoloxía con beneficios científicos contrastados. Deste xeito, o alumnado continuará recibindo estas sesións, que estrearon este ano coa empresa especializada Yaracan tras autofinanciarse coa venda de almanaques solidarios.
35 alumnos
“Estamos moi agradecidos a todas as persoas que mercaron ese almanaque porque permitiron levar adiante este proxecto marabilloso que, agora, continuaremos da man do Concello de Nigrán”, sinala Alberto González desde a dirección do Centro.
Así, igual que no ano 2021, neste 2022 a totalidade dos 35 alumnos seguirán a participar no programa complementario de educación asistida un día á semana en horario lectivo e en sesións individuais ou en aula atendendo ás necesidades concretas de apoio educativo; a terapia desenvolverase con catro cans e os seus respectivos técnicos especialistas.
Os cans non xulgan, non senten mágoa “e trátannos a todos por igual”
Desde a propia empresa especialista e o CEE Juan María destacan que á activación emocional positiva que xera o contacto cos cans súmase que “non xulgan, non senten mágoa e trátannos a todos por igual”.
O feito xa contrastado de que favorecen a redución do ritmo cardíaco, a diminución da presión arterial e a segregación de endorfinas e oxitocina, permite traballar en áreas cognitivas, psicomotrices, comunicativas e sociais como un potente recurso de apoio para os profesionais do CEE Juan María.