O Concello de Mondariz e a Asociación Deportiva Mondariz retoman este ano 2022 a organización da ‘IV edición do Trail Orixes Mondariz’.
Dende este martes, día 1 de febreiro
O IV Trail Orixes Mondariz está programado para o día 21 de maio, mais o proceso de inscrición comeza este martes, 1 de febreiro, a partir das 22:00 horas. As persoas que desexen participar terán até o 16 de maio, ás 23:59 horas, para tramitar a súa inscrición a través da plataforma www.empa-t.com.
Catro distancias
Trátase dunha proba de montaña con catro distancias –Minitrail, de 14km; Trail, de 26km; Maratón, de 40km; e Ultra, de 60km– que percorren os montes que rodean o val do Tea en Mondariz e nos concellos da contorna.
A proba desenvólvese entre a media e a baixa montaña, acadando a cota máis alta de 927 metros de altitude, mais o tipo de terreo é sumamente variado, cunha dificultade física e técnica alta.
Novos percorridos
Nesta cuarta edición non só se renovan os percorridos para atraer a persoas que xa participaron en probas do Trail Orixes Mondariz, senón que tamén se introduce a exixente categoría especial de Ultra, de 60km e 6.400m aproximados de desnivel acumulado.
Requisitos
Para participar é necesario ser maior de idade. A única excepción é a categoría de Minitrail (14km), que establece o límite de idade nos 14 anos.
Prezos
Os prezos iranse incrementando a medida que se aproxime a data do evento. Desde o 1 de febreiro até o 6 de marzo será posible disfrutar dunha redución no prezo de inscrición.
“O Concello de Mondariz celebra que se retome a actividade sociocultural e deportiva con eventos de gran impacto turístico como este. Nas tres primeiras edicións do Trail Orixes Mondariz, até 2019, participaron decenas e decenas de persoas chegadas de diferentes lugares que se foron marabilladas cos atractivos naturais do val do Tea”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. “Despois de dous anos de escasa actividade asociativa por mor da situación epidemiolóxica, tamén é de celebrar que se recupere pouco a pouco o dinamismo social e cultural na localidade”, destaca.