O Concello de Redondela contratará a un total de 18 persoas en situación de desemprego ao abeiro da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o que destinará un orzamento de 264 325,09 € dos que a Deputación de Pontevedra achegará 257 580,89€ mentres o Concello aportará os 6774,20 € restantes.
Tal e como apunta a alcaldesa Digna Rivas, as contratacións “non so supoñen un respiro económico para as persoas contratadas, senón que contribúen a reforzar os servizos que se prestan á veciñanza”.
7 empregos cunha duración de 6 meses
En total, o Concello contratará a 1 traballador/a social, 3 guías turísticos e 3 axudantes de servizos de actuacións de electricidade. Estes 7 contratos terán unha duración de 6 meses a xornada completa.
E outros 11 por 5 meses e 3 semanas
Doutra banda, tamén se contratará a un total de 11 peóns forestais, a xornada completa, durante un tempo de 5,3 meses. A selección de persoal levarase a cabo a través dos Servizos Públicos de Emprego.
Programa de rozados e limpeza
Digna Rivas aclarou que a contratación das 11 persoas como peóns forestais, permitirá dar continuidade ao programa de rozados e limpeza de estradas e camiños municipais iniciado o pasado ano no que, por primeira vez “o Concello optou por contratar a persoas desempregadas para o desenvolvemento destas tarefas en lugar de optar pola contratación dunha empresa“.
A alcaldesa de Redondela, subliñou que a decisión adoptada, “non so foi dar unha saída as veciñas e veciños en situación de desemprego, senón que tamén supuxo unha mellora substancial na prestación do servizo de rozado, como quedou comprobado e así o recoñece a veciñanza”.