Voluntarios e voluntarias de Greenpeace acudiron este sábado á Illa de Cortegada, que forma parte dun dos catro arquipélagos do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, para alertar sobre a crise que sofren os nosos océanos a nivel planetario.
Coa exuberancia arbórea da illa e as augas da ría de Arousa como fondo despregaron varias pancartas, entre elas unha de gran tamaño co lema “O tempo esgótase para os nosos océanos. Actúa xa”. Actos similares aconteceron ao mesmo tempo noutra vintena de localizacións do Estado.
Axúdanos
Así, a ONG quixo chamar a atención sobre a necesidade de coidar os océanos e pedir ao Goberno do Estado que se implique de xeito proactivo, coa coordinación dos diferentes ministerios implicados, na xuntanza que terá lugar o vindeiro mes de marzo nas Nacións Unidas para tratar esta emerxencia ambiental.
Greenpeace uniuse á recolleita de sinaturas da que se está a dar conta a nivel internacional para lograr un Tratado Global que protexa o 30% da superficie de océanos no planeta para 2030.
Trátase dunha iniciativa na que están a participar países de todo o mundo e que levarán á Organización de Nacións Unidas para impulsar as negociacións do devandito tratado.
Apoios que cambian o mundo
Pola tarde o voluntariado de Greenpeace en Galicia tamén instalou un posto informativo na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa para recoller sinaturas a favor do tratado.
Case 4 millóns de persoas en todo o mundo e máis de 200.000 en España uníronse a esta petición e calquera persoa pode facelo nesta ligazón.
O apoio da cidadanía será chave nos vindeiros meses para conseguir un Tratado Global que sexa sólido, é dicir, que realmente supoña unha xestión completa e integrada de tódalas actividades, desde a pesca en augas internacionais, á incipiente concesión de licenzas da minería submarina.
Un tratado que regule as actividades en alta mar
”Chegou o intre de pór as palabras en práctica e que os gobernos, especialmente o Goberno Estatal, encabece as negociacións nas Nacións Unidas para garantir un tratado sólido que regule as actividades en alta mar e que prime a protección no 70% do noso planeta, que é ‘terra de ninguén’”, afirmou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
É urxente protexer o mar
Os océanos e as especies que os habitan ven como se multiplican as ameazas á súa supervivencia. Namentres, os gobernos do mundo pasaron anos atrasando as decisións que poderían pór fin a esa desprotección.
As xuntanzas para acordar un Tratado Internacional dos Océanos foron sucedéndose sen que as áreas protexidas que tanto necesita o noso planeta se poñan en marcha. A situación de emerxencia ambiental nos océanos é tal que sabemos máis da superficie da lúa que do fondo dos océanos.
En 10 anos, entre 2000 e 2010, censáronse máis de 6.000 novas especies descoñecidas até a data en augas abertas e tan só se investigaron un 0,002% dos 170.000 montes submarinos que existen.
Un 77% menos de pingüíns
Xunto co descoñecemento científico a actividade humana vai esquilmando cada vez máis os nosos océanos, de feito en máis da metade dos nosos mares, o 55% da súa superficie, desenvólvense actividades pesqueiras e un 59,9% das poboacións de peixes analizadas están explotadas até o seu rendemento máximo sostíbel.
Á vez que o voluntariado de toda España saíu hoxe en todo o territorio, o buque rompexeos de Greenpeace, o Arctic Sunrise está en augas antárticas constatando os rápidos cambios que sofre a Antártida, onde algunhas colonias de pingüíns minguaron en número de individuos até nun 77 % nos últimos 50 anos.