A Xunta vén de iniciar a fase de concurso para oito procesos selectivos nos que se convocaron un total de 726 prazas de emprego público.
Publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións polas que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos dos participantes. En total, a Dirección Xeral da Función Pública baremará a 1.978 aspirantes.
Persoal funcionario
Os procesos selectivos de persoal funcionario nos que se inicia a fase de concurso son o grupo A1 de Biólogos (31 prazas); grupo A2 de Educadores (86 prazas); o grupo A2 de Enfermería (69 prazas); grupo C2 de Auxiliar de enfermería (305 prazas) e a Agrupación Profesional de persoal subalterno (205 prazas).
Persoal laboral
En canto ao persoal laboral, iníciase a fase de concurso para o grupo II Titulado grao medio (21 prazas); grupo III Administrativo (6 prazas) e o V de ordenanzas (3 prazas).
Prazo
Os aspirantes dispoñen dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación no DOG para a presentación dos seus méritos. O prazo de presentación remata o vindeiro luns, 21 de febreiro.
Remate da fase de concurso
Por outra banda, a Dirección Xeral da Función Pública puxo fin ao prazo de presentación de méritos para outros 10 procesos selectivos nos que se convocaron 443 prazas e se baremaron a máis de 900 aspirantes.
Estes procesos son o grupo A1 de Medicina; A2 de Traballo social,;o A2 de Terapia ocupacional; A2 de Fisioterapia, e o grupo C1 do Corpo Administrativo e C2 do Corpo Auxiliar, ambos os dous de promoción interna.
En canto ao persoal laboral, pechouse a fase de concurso para o grupo I de Médicos; o grupo I de Psicólogos; o grupo II de Asistente social e o grupo II de Terapia ocupacional.