Marea de Vigo vén de comprobar a ausencia da Alameda da Praza de Compostela no rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC) da Xunta. A xuízo da concelleira Oriana Méndez, o Concello ten que iniciar diante da administración galega, a tramitación do proceso para aumentar o grao de proteción desta zona.
Este é este “un dos xardíns máis antigos da cidade, de finais do século XIX, o que fai que a súa ausencia coma BIC sexa canto menos sorprendente” apunta a concelleira.
Denuncias de asociacións ecoloxistas e veciñais
Marea de Vigo súmase unha vez máis as denuncias feitas por asociacións ecoloxistas e veciñais con respecto ao coidado deste espazo, “que é preciso protexer para evitar os destrozos producidos tanto pola instalación de elementos durante o Nadal coma polo uso que se fixo do espazo” – sinala Oriana Méndez -. “O Nadal debe ser compatible co coidado do noso patrimonio cultural e natural, e estamos a tempo de facer que o vindeiro Nadal sexa respectuoso co noso entorno”.
Plan de Infraestruturas Verdes e Biodiversidade
Marea de Vigo lembra ademais que no tempo de suxestións ao novo Plan Xeral (PXOM), solicitou a concreción dun Plan de Infraestruturas Verdes e Biodiversidade. Entende que o mesmo permitiría unha planificación global para a protección e potenciación do patrimonio natural e a biodiversidade de Vigo.
Esta “suxestión que foi totalmente ignorada polo Goberno local” – engade a concelleira -. Oriana Méndez apunta a que o Concello debe impulsar a conservación do patrimonio verde e por iso esiximos que solicite de xeito inmediato á Xunta a declaración da alameda da praza de Compostela como BIC”.