A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 1.224.504 euros as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada PO-330 en Valadares e en Pereiró. Dacordo cos prazos, a previsión é inicialas na primavera e rematalas nun prazo de 10 meses.
1.8 millóns de euros
O orzamento total destinado a esta intervención ascende a de 1,8 millóns de euros, tendo en conta o pagamento dos terreos necesarios para a execución das actuacións. Os actos expropiatorios están xa convocados para os vindeiros meses de marzo e de maio.
Actos expropiatorios
Concretamente, o acto expropiatorio de levantamento de actas previas está fixado para os vindeiros días 7 e o 8 de marzo, entre as 10 e as 12:30 horas, no Concello de Vigo.
Posteriormente, convócanse os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, os días 10 e o 11 de maio, no mesmo lugar e no mesmo horario.
Actuación integral
A Xunta proponse acometer unha intervención integral en 7 km da estrada Vigo-Vincios, nunha zona moi urbanizada e concorrida, que ten como obxectivo o reforzo da seguridade viaria e a mellora da mobilidade, tanto rodada como a pé.
A actuación inclúe a eliminación dun treito identificado como de concentración de accidentes, situado en Valadares, mediante a creación dun carril central de espera que resolva de xeito seguro o acceso ao colexio Andersen, ademais do reforzo da sinalización dos pasos de peóns.
Novas glorietas
Tamén en Valadares, a Xunta executará dúas novas glorietas de 28 metros de diámetro, unha delas para mellorar o acceso á piscina municipal e ao pavillón desde a que, atendendo a unha solicitude dos veciños, se habilitará un novo viario de dobre sentido cara á escola infantil Monte do Alba.
A segunda rotonda construirase no Alto da Garrida, na intersección coa estrada A Garrida-Valadares, que mellorará a seguridade viaria dun cruce que rexistra un elevado tráfico pesado, xa que dá servizo aos polígonos empresariais de Valadares e da Pasaxe, ademais de a unha canteira e ao miradoiro de Monte de Alba, e
atópase próximo á AG-57.
Pereiró
No caso das obras proxectadas en Pereiró, os traballos prevén a urbanización do treito dos 450 primeiros metros da estrada, ata glorieta que está fronte ao cemiterio e que serve de enlace coa vía da universidade, con especial atención ao espazo de aparcadoiro.
Aquí disporanse 36 prazas de estacionamento, 10 máis das que hai na actualidade, e reservaranse 2 para persoas con mobilidade reducida.
Rúa Canteiros
Xunto con isto, mellorarase a intersección coa rúa Canteiros mediante a instalación de illotes e con sinalización horizontal e disporase de adoquín nos accesos aos garaxes.
Seguridade
Ademais, reforzarase a seguridade doutras tres interseccións (en Carneiras, Carregal e no Portal) mediante sinalización horizontal, como balizas reflectoras, bandas sonoras ou illotes.
As actuacións terán especialmente en conta a mellora da seguridade viaria dos centros educativos, como a que se prevé no colexio Barreiro, achegando o paso de peóns á entrada do centro e implantando outras medidas de calmado de tráfico, como bandas transversais de alerta para atenuar a velocidade.
Colexio Igrexa Valadares
Mellorarase, tamén, o acceso ao CEIP Igrexa Valadares, co acondicionamento do camiño e intervindo nos radios de xiro da entrada e saída que empregan os autobuses para incorporase á estada PO-330, atendendo así outra solicitude veciñal.