Este venres, 25 de febreiro, póñense en funcionamento as rutas do proxecto “Río Miño, un destino navegable” que comparten os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, as cámaras municipais de Valença e Monçao.
Gratuitas
As rutas establecidas, que terán carácter gratuíto,partirán das oficinas de turismo de cada municipio e permitirán coñecer os conxuntos históricos de Tui, Valença, Salvaterra e Monçao, gozar da súa gastronomía, as compras, e amais navegar polo río Miño.
8 horas de actividades
Son oito horas de actividades nas que un tren turístico realizará a unión entre os centros históricos e o pantalán de
atraque da embarcación.
Reservas
Dende este mércores, as persoas interesadas poderán realizar as súas reservas en www.hemisferios.org, para realizar as rutas a partir deste venres, 25 de febreiro. Na mesma inclúese o percorrido con guía polos conxuntos históricos, o transporte en tren turístico, e a viaxe en barco, sendo a comida por conta do participante.
Cada ruta ten unha participación mínima de 7 persoas e máxima de 15.
Tui e Valença, Salvaterra-Monçao
Esta primeira semana do venres 25 de febreiro ao domingo 6 de marzo o barco realizará as viaxes entre Tui e Valença, e a partir do luns 7 o percorrido será entre Salvaterra e Monçao.
Iranse alternando así as saídas semanalmente entre as eurocidades participantes no programa.
6 rutas
Ofértanse un total de 6 rutas con hora previsto de inicio ás 10 h. Haberá 4 rutas curtas entre Tui-Valença, Valença-Tui, Salvaterra-Monçao e Monçao-Salvaterra.
A ruta corta entre Tui e Valença parte da Oficina de Turismo de Tui, no Paseo da Corredoira. Dende aquí as persoas participantes, acompañados dun guía, visitarán o conxunto histórico de Tui presidido pola Catedral, e irán camiñando até o embarcadoiro de pescadores no Paseo fluvial.
Tras embarcar poderán coñecer Tui e Valença dende o río , para volver ao embarcadoiro onde os agardará un tren turístico que os levará até a Fortaleza de Valença cruzando pola vella Ponte Internacional. Aquí terán tempo libre para xantar e continuarán logo coa visitando o centro histórico. Novamente no tren turístico regresarán á Oficina de Turismo de Tui.
En sentido inverso irá a ruta curta entre Valença e Tui que comezará na Oficina de Turismo de Valença, na Porta do Sol, para visitar o centro histórico, cruzar no tren turístico pola vella Ponte Internacional até o embarcadoiro, e tras o paseo en barco visitar o conxunto histórico de Tui. O tren levará de novo aos participantes ao punto de partida en Valença.
O mesmo acontece coa dúas rutas curtas entre Salvaterra e Monçao, partindo das oficinas de Turismo de cada municipio.
Asemade establécense dúas rutas longas Tui-Salvaterra-Monçao-Valença, nas que sempre que as condicións de navegabilidade o permitan o percorrido entre Tui e Salvaterra, e viceversa, será en barco ou en caso contrario en autobús.