O Bloque Nacionalista Galego urxe medidas para reducir o crecente problema dos atascos en Vigo. Dende o Bloque considérase que as dificultades para circular na cidade evidencian o “fracaso das políticas de mobilidade do goberno de Abel Caballero”. Así mesmo, subliña a “necesidade de apostar nun novo modelo” que, a xuízo do Bloque, debe pasar por “potenciar e mellorar o servizo de bus urbano”.
Horas nas que a cidade é “intransitábel”
“A veciñanza de Vigo está a padecer un grave problema de retencións, con horas nas que a cidade é practicamente intransitábel”, denunciou o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas. Para o concelleiro algúns dos puntos de maior conxestión viaria son Pizarro, Avenida das Camelias, o perímetro do Calvario, Castrelos, Sanjurjo Badía ou Beiramar.
Segundo os últimos datos do satélite Tom Tom, a veciñanza de Vigo padece até 46 horas ao ano de atascos en diferentes puntos da cidade.
Algunhas obras agravan a situación
O edil do Bloque considerou ademais que determinadas obras municipais, como a segunda fase das ramplas da Gran Vía ou a humanización na Avenida Gregorio Espino, están a agravar unha situación que xa viña de lonxe.
Igrexas apunta a que a mesma ten consecuencias negativas “non só para as persoas condutoras, tamén para o conxunto da veciñanza polo incremento da contaminación acústica e ambiental”.
Os plans do Concello non funcionan
Son cada vez máis os ámbitos da cidade onde resulta difícil circular, insiste o concelleiro quen insta ao goberno de Abel Caballero a “reaccionar e recoñecer que os plans para desconxestionar o tráfico non están a funcionar e é necesario corrixilos”, reclamou Igrexas.
Deficiente servicio de Vitrasa
Desde o Bloque situaron no centro do problema de saturación viaria a falla de alternativas de transporte ao vehículo privado, en particular polo deficiente servizo de bus urbano.
“Esta situación pon en evidencia a necesidade urxente de apostarmos nun novo modelo de mobilidade máis eficiente, moderno e sustentábel en termos ecolóxicos que ten que pivotar nunha potenciación decidida do uso de bus urbano”, demandou.
O concelleiro do BNG urxiu a reformular o actual servizo por “non estar á altura dunha cidade de case 300 mil habitantes”. Igrexas sinalou que o actual modelo de bus urbano funciona sobre un esquema obsoleto do ano 1994 e conta con escasas frecuencias e un mapa de liñas que non conecta o conxunto da cidade.