A Xunta activará este xoves, 3 de marzo, novos servizos de autobús e realizará pequenos axustes nas liñas para mellorar o transporte aos institutos Primeiro de Marzo de Baiona e A Sangriña do Rosal, ademais da conexión co centro de saúde de Nigrán.
Parada no IES Primeiro de Marzo
Máis concretamente, para facilitar os desprazamentos dos alumnos ao instituto pola mañá, habilítase unha parada no IES Primeiro de Marzo na liña que conecta A Guarda con Vigo, evitando que estes alumnos teñan que facer un transbordo na entrada ao instituto.
Circular Baiona-Gondomar-Nigrán
Por outra banda, créanse dúas novas frecuencias na liña circular Baiona-Gondomar- Nigrán adaptadas á xornada lectiva de tarde dos luns e xoves, con posibilidade de transbordo en Baiona na parada situada fronte ao centro de saúde co resto de liñas do transporte interurbano.
IES A Sangriña do Rosal
Para dar servizo aos alumnos do IES A Sangriña do Rosal, prolóngase a liña circular entre A Guarda e O Rosal ata a parada San Xoán 2, na parroquia de Tabagón.
Centro de saúde de Nigrán
En Nigrán, para favorecer os desprazamentos dos usuarios ao centro de saúde, créase un novo servizo ás 10,00 horas na liña circular Baiona-Gondomar-Nigrán e adáptase a liña de Chandebrito, engadindo unha nova parada a 200 metros do centro e axustando os horarios dos servizos, cunha ida próxima á hora de apertura e unha volta ás 10,00 horas.
A información relativa aos reforzos e cambios nos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.