Galicia logrou a prata no Campionato de España de Parataekwondo de poomsae e o ouro, na xeral de Freestyle do Open de Andalucía, que se disputaron en Jaén.
Nesta fin de semana chea de competición as e os nosos deportistas volveron a render ao máximo nivel e a demostrar o moito que lles gusta competir.
Campionato de España de Parataekwondo
Foi a primeira vez que Galicia presentaba unha selección como tal no Campionato de España de Parataekwondo de Poomsae e os resultados non puideron ser mellores, nesta modalidade que está a dar os seus primeiros pasiños.
Paula Treus (Suh Sport) acadou a medalla de ouro, igual que Francisco Rodríguez (Suh Sport) e Luis Alberto Castro (Hans Horang I). Pola súa banda, Javier Fernández Allo (Suh Sport) logrou a medalla de prata.
Galicia foi a segunda clasificada por equipos, cos mesmos puntos que o campión, Andalucía.
Ouro no ‘Open de Andalucía’
Galicia logrou o ouro na xeral de freestyle do Open de Andalucía e cos resultados nesta última proba clasificatoria confirma que finalmente serán 29 os deportistas galegos que participen no Mundial de Korea de Taekwondo.
En Jaén, Lucas Yelo (Kiap) logrou o ouro en cadete masculino e asinou a súa praza no Mundial. Asemesmo conseguiu a clasificación Óscar Rey (Kiap) en máster 3 co seu ouro no Open de Andalucía. En técnica tamén logrou a medalla de prata Laura Álvarez (Neka) en júnior feminino.
Ademais hai que destacar en freestyle os ouros de Celia García (Tao) en individual +18; da parella Manuel Paz e Bárbara Di Martino (Hebe) en parellas +18; e do quinteto +18 (Samuel Alves, Laura Vázquez, Alejandro Losada García, Uriel Pereira, Celia García, do Tao).