Comarcas

Tomiño recupera os seus ‘sábados con sabor’

Esta semana, pincho de rulo de salmon e mini hamburguesa de vaca vella

O Mercado de Tomiño recupera os seus 'sábados con sabor'

Tomiño continúa esta fin de semana coa súa programación de actividades para a reactivación económica e a dinamización do comercio local.

Será coa recuperación e posta en marcha de novo do programa ‘Sábados con sabor’ no Mercado Municipal, “un formato que tivo moito éxito e co que “queremos animar á veciñanza a que desfrute de tempo de lecer no noso mercado mentres degusta novidosos pinchos e bebidas, como acostumaba a facer antes da pandemia”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Podes comprar os teus tickets a 6€, en calquera dos postos do Mercado Municipal de Tomiño ao longo da semana

Sábado, 2 de abril

A actividade estrearase este sábado 2 de abril, no que de 13.00 a 15.00 horas as persoas poderán desfrutar de dúas bebidas e de dous pinchos de autor ideados e creados para cada sesión, que namorarán aos padais máis esixentes.

Esta fin de semana o menú estará composto por un pincho de rulo de salmón ao aneto con queixo fresco en pan de sementes e unha mini hamburguesa de vaca vella en niño de pataca con ali oli de guacamole.

Campaña ‘Vive!’

As persoas interesadas en participar poderán comprar os seus tickets en calquera dos postos do Mercado Municipal de Tomiño ao longo da semana. O prezo de cada entrada será de 6€ e haberá un aforo máximo de 60 persoas.

Estes ‘Sábados con sabor’ forman parte das accións programadas dentro de ‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello de Tomiño durante os meses de marzo, abril e maio para reactivar a actividade económica e social do municipio.

“Queremos que as fins de semana sexan animadas, que sempre haxa actividades para facer e que tomemos de novo as rúas, favorecendo a hostalaría e o comercio local”, destaca a rexedora.

También te puede interesar