Galicia

A mellora da calidade, punto central da nova Lei do ciclo integral da auga en Galicia

Os concellos poderán encomendar á Xunta a xestión do abastecemento, saneamento e depuración

O Goberno galego pide aos concellos que aforren auga ante a prealerta por seca
  • Os concellos que o soliciten poderán encomendar á Xunta de Galicia a xestión dos seus servizos de abastecemento, saneamento e depuración

A mellora da calidade é o principal obxectivo do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobado polo Goberno de Galicia.

A Xunta contempla no mesmo a posta á disposición dos concellos dun sistema que dea resposta á súa demanda de axuda sobre a xestión da auga e que, ademáis, garanta unha xestión profesional e de calidade.

Este proxecto establece, así, unha canle para que os concellos que teñan dificultades na xestión da auga, poidan adherirse a un modelo que lles permita realizar melloras no abastecemento, saneamento ou depuración, acadando un uso racional dos recursos hídricos e limitando a contaminación.

Mantemento das infraestruturas

Nos últimos anos, Galicia experimentou un pulo importante na extensión territorial nos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, ao que contribuíu a mobilización por parte da Xunta de máis de 1.100 millóns de euros, desde 2009, na execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios.

Estes investimentos, que lograron mellorar os indicadores da calidade, demandan agora unha boa xestión e mantemento desas infraestruturas, que permita prestar os servizos con eficacia.

Apoio e axudas

O modelo recollido na nova lei regulará ese apoio da Xunta aos concellos, de maneria que aqueles que o soliciten poidan encomendar a xestión dos seus servizos da auga á Xunta. Así, ademais de ampliar e reforzar o respaldo a todas as entidades locais que así o queiran, ofrece a posibilidade de estenderlo para xestionar as depuradoras, os colectores- algo que ata agora non era posible- e os sistemas de abastecemento “en alta”.

Actuación nas distintas redes 

Esta nova lei quere priorizar, ao mesmo tempo, a actuación nas redes co fin de limitar as infiltracións de augas brancas e os vertidos contaminantes, ademáis de reducir as fugas das redes de abastecemento municipal -que nalgúns casos superan o 40%-  e a absorción de augas de chuvia, de mar ou dos ríos, que afectan aos sistemas de saneamento e depuración, causando gran parte dos verquidos actuais.

Por este motivo, cando un concello solicite que Augas de Galicia asuma a xestión da súa depuradora, realizarase unha auditoría que analizará como chega a auga polas redes de saneamento ou identificará vertidos, infiltracións ou excesos de caudal, entre outros parámetros.

Financiación compartida

Cando as auditorías evidencien a necesidade de executar obras, a Xunta comprométese a financiar un terzo do seu custo, debendo o concello asumir outro terzo e podendo procurar o apoio doutras administracións para completar o orzamento.

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, precisa que a proposta inicial era que ese outro terzo fose asumido de forma fixa pola deputación provincial correspondente, xa que estas administracións teñen o deber legal de prestar apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Non obstante, lamentou que deputacións como a de Pontevedra evidenciaron que non existe vontade de colaborar, a pesar de que é un deber legal, e de que outras deputacións como a de Ourense, levan anos apoiando aos concellos en materia de augas. Por iso a Xunta apostou finalmente por unha fórmula máis flexible para o financiamento dese terzo restante, abrindo a colaboración a outras administracións e entidades.

Recibo

A conselleira aclarou que a aprobación da norma non suporá un cambio nos recibos que pagan os veciños e que os concellos seguirán tendo a decisión final sobre as tarifas municipais.  O que sí fará,  para garantir a viabilidade económica e financeira na xestión da auga, permitir a recuperación dos custos dos servizos, e a aplicación dos principios de “quen usa, paga” e “quen contamina, paga”, é reordenar os tributos que existen na actualidade cunha denominación máis acorde ao seu obxecto, pero sen crear novas taxas que repercutan nos usuarios.

Formación para os concellos

O proxecto de Lei establece  a creación dun programa de formación para que os concellos avancen cara a esa administración profesionalizada do abastecemento, do saneamento e da depuración.

Nesta liña, Augas de Galicia achegará aos concellos directrices para mellorar a xestión da auga, para a redacción de plans de control de vertido ás redes de colectores, para o saneamento en pequenos núcleos, para a optimización do tratamento das pluviais e para a mellora enerxética das instalacións.

Operar de modo eficiente

Ethel Vázquez subliñou que non se pode permitir investir millóns de euros de diñeiro público en grandes infraestruturas, entregalas aos concellos e que pasado o tempo as inspeccións constaten que a metade das depuradoras municipais teñen un funcionamento deficiente.

Insistiu en que as infraestruturas hidráulicas deben operar de modo eficiente as 24 horas do día e os 365 días do ano, algo que é irrenunciable para garantir que os cidadáns reciben un servizo de calidade, é algo que se procura acadar con esta Lei de mellora da de xestión do ciclo integral da auga, que impulsa a Xunta.

También te puede interesar