A partir de outubro, os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario deixarán de dispoñer dunha técnica de orientación laboral do Servizo Público de Emprego de Galicia. Aínda así, seguirán tendo acceso a este servizo de competencia autonómica a través da oficina de emprego de Ponteareas.
Unha profesional subvencionada pola Xunta
A técnica de orientación laboral de Mondariz é un posto subvencionado pola Xunta de Galicia desde 2016, no marco dun convenio de colaboración entre os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, que naquel momento sumaban pouco máis de 5.300 veciños e veciñas.
Malia prestar servizo nas oficinas municipais do Concello de Mondariz, este depende exclusivamente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta e actúa como un brazo do Servizo Público de Emprego dedicado só á orientación laboral de persoas que se atopen en situación de desemprego, sen que o Concello de Mondariz poida marcar a axenda en ningún momento.
A Ponteareas
Para inscribirse como demandante de emprego ou renovar cada tres meses a tarxeta de demanda de emprego, os veciños e as veciñas de Mondariz xa teñen que desprazarse a Ponteareas.
“Ata agora fomos renovando o convenio porque era un posto subvencionado que non lle costaba moito ao concello, tan só os esforzos administrativos de tramitar periodicamente a subvención correspondente, e facilitaba o acceso á orientación laboral ás persoas desempregadas”, sinala o alcalde.
“Mais coa lei para a estabilización do emprego aprobada en 2021, o Concello de Mondariz exponse a unha demanda xudicial para estabilizar ese posto de traballo e asumir todos os custos do mesmo, mesmo cando non se trata dunha competencia municipal”, explica Xosé Emilio Barros.
Na relación de postos de traballo do Concello
Malia non desempeñar unha función de competencia municipal, senón autonómica, a técnica de orientación laboral foi incluída na Relación de Postos de Traballo (RPT) aprobada en maio de 2019 no Concello de Mondariz.
“Naquel momento, houbo informes de intervención contrarios a incluír o posto de técnica de orientación laboral no RPT porque non respondía a competencias municipais, mais non se consideraron. O feito de que o posto de orientadora laboral estea incluído na RPT pode levar a unha obriga de estabilización a costa dos recursos municipais que non é razoable porque é competencia exclusiva do Servizo Público de Emprego”, comenta Barros.
Compartir responsabilidades con Mondariz-Balneario…
Diante desta situación, o Concello de Mondariz propúxolle ao veciño Concello de Mondariz-Balneario que tramitase a subvención correspondente para non prolongar os contratos temporais desde o Concello de Mondariz e compartir responsabilidades, pois o Concello de Mondariz-Balneario.
…ainda que non amosou interese
“Polo momento non houbo interese por parte do Concello de Mondariz-Balneario”, sinala Barros. Para o Goberno municipal de Mondariz, é crucial avaliar as necesidades dos servizos estritamente municipais antes de emprender contratacións laborais, xa que os recursos son moi limitados.
“Non podemos asumir o risco real de ter que estabilizar un posto de técnica de orientación laboral, que realmente non é competencia municipal, cando temos outras necesidades máis acuciantes que non están cobertas. Por exemplo, non existe ningún posto de fontaneiro municipal cando o Concello de Mondariz ten decenas de depósitos que precisan atención e ao cabo do ano gasta moitísimo en externalización de servizos de reparación”.
O servizo de orientación laboral, con todo, seguirá sendo prestado na oficina comarcal do Servizo Público de Emprego en Ponteareas.