Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa que seguiu á reunión do seu goberno, que tivo lugar en Vigo, un investimento de máis de 40 millóns de euros na cidade.
Novos usos para o edificio dos Xulgados na rúa Lalín, 12,5 millóns
O presidente da Xunta, que deixará o cargu nuns días, precisou que a Administración autonómica colaborará co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para desenvolver o concurso de ideas sobre os novos usos para os xulgados da rúa Lalín.
Co obxectivo de que na primeira metade de 2023 se inicie o contrato de obra, a actuación busca habilitar locais na planta baixa, primeira e quinta do edificio; a posibilidade de trasladar dependencias administrativas da Xunta que están en oficinas alugadas; e a opción de estender os traballos aos sotos e poñer a disposición espazos para as entidades sociais.
“En total poderán habilitarse ata 134 espazos”, dixo, subliñando que o orzamento previsto para dar unha nova vida aos xulgados ascende aos 12,5 millóns de euros.
Humanización da avenida Beiramar e senda peonil e ciclista no Berbés, 4,5 millóns
En materia de infraestruturas, o titular do Goberno galego destacou unha achega de 3,5 millóns de euros para a humanización da avenida de Galicia. Ademais apuntou un investimento de 4,5 millóns para levar a cabo a humanización da avenida Beiramar e a execución dunha senda peonil e ciclista no Berbés.
“E executaranse catro aparcamentos disuasorios con 320 prazas nas contornas da vía de altas prestacións do Val Miñor en Nigrán; dous na contorna da autovía do Morrazo; e na estrada PO-551 en Domaio, onde se ampliará o existente -1,6M€-; así como a mellora de 198 paradas de autobús interurbano, para o que se destinarán 6 millóns de euros”, engadiu, recordando, tamén, que a estación de autobuses intermodal de Vigo estará rematada nas vindeiras semanas para a súa posta en servizo cando o Concello finalice os accesos.
Instituto de Navia, 12 millóns
No eido educativo, Feijóo asegurou que a Xunta remitirá de inmediato ao Concello o convenio de colaboración para levar a cabo a construción do novo IES de Navia que, cunha achega de 12 millóns de euros, terá capacidade para 700 alumnos.
Hospital Álvaro Cunqueiro, 5,7 millóns
En relación á Sanidade, o presidente salientou un orzamento de 5,7 millóns co obxectivo de reforzar espazos no Hospital público Álvaro Cunqueiro, con cinco unidades novas nas áreas de saúde mental, cardioloxía, hospitalización a domicilio, anatomía patolóxica e enfermidades raras-; e dotar de novo equipamento as áreas de uroloxía e cirurxía toráfica, a nova sala de intervencionismo e endoscopia avanzada e o novo servizo de cirurxía maxilofacial.
Cíes e Parque das Illas Atlánticas, 6 millóns
Sobre as Cíes e o resto do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Feijóo anunciou un investimento de máis de 6 millóns de euros para, entre outras cousas, velar pola súa biodiversidade, mellorar o ciclo da auga nos arquipélagos e modernizar infraestruturas e servizos.
Pista de atletismo de Balaídos, 3 millóns
No eido do deporte, resaltou que a Xunta participará na renovación das pistas de atletismo de Balaídos, cunha achega de 3 millóns de euros.
Vivendas de Navia
Un investimento de 28,7 millóns na construción das 207 VPP da primeira fase de Navia, en materia de vivenda, na que a Administración autonómica recibiu de 15 ofertas para a contratación do servizo de redacción de proxecto e dirección de obra para a construción de 79 vivendas de promoción pública, garaxes, rochos e locais na ampliación de San Paio de Navia.
“A previsión é adxudicar os servizos antes deste verán”, aseverou, subliñando que, no Consello de hoxe, a Xunta tamén deu conta da próxima licitación, a principios do vindeiro mes de maio, dos proxectos e dirección de obra das restantes 128 vivendas de promoción pública —divididas en 4 edificios— correspondentes ao polígono 1, por un importe de 1,2
millóns de euros.