No marco do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, o Concello transformará as naves de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural e de lecer que marcará un antes e un despois en Ponteareas.
Granitos de Galicia e Aceros del Tea
As instalacións industriais, situadas no corazón do centro urbano e coñecidas como Granitos de Galicia e Aceros del Tea, conforman unha amplísima zona que se converterá nun equipamento emblemático, contemporáneo e innovador, recuperando o edificio, respectando a súa imaxe exterior industrial e aproveitando o seu interior.
Unha praza cuberta
Os ámbitos de actuación previstos son catro. Por unha banda crearase unha extensa praza diáfana e cuberta baixo as tres naves, destinada a todo tipo de eventos sociais e artísticos, concertos, feiras ou festivais e que, en ausencia de programación, funcionará coma unha praza pública cuberta.
Un teatro
En segundo lugar, a balsa de decantación situada entre as naves e a Estación de Autobuses converterase nun teatro ao aire libre con bancadas.
Aulas
Por outra banda, unha das naves e a torre das antigas oficinas acollerán espazos pechados, illados termicamente e insonorizados destinados a aulas, obradoiros, conferencias ou clases maxistrais.
Zonas peonís axardinadas
Por último, a intervención tamén abordará o espazo exterior na Avenida de Galicia e a rúa Carballos, xerando novas zonas peonís, axardinadas e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións e facilitarán o acceso das persoas.
Partindo do anteproxecto, o Concello dá agora un novo paso coa licitación da redacción do proxecto básico e de execución así como da dirección de obra, por importe de 51.500 euros cofinanciados por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’.