Vigo al minuto

Pemes e microempresas galegas xa poden beneficiarse de 4,3 millóns en axudas para a innovación

Por medio dos programas InnovaPeme e Deseñapeme

Este luns comeza a selección para un novo programa de emprego en Redondela

Activados InnovaPeme e DeseñaPeme, dous programas que prevén unha mobilización de 8,6 millóns de euros para a mellora da competitividade do tecido empresarial de Galicia

A Xunta de Galicia vén de aprobar as novas convocatorias dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, que teñen coma obxectivo prioritario apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas na innovación en procesos, organización, produtos e servizos.

En total, investiranse 4,3 millóns de euros, que permitirán mobilizar 8,6, reforzando o compromiso de Galicia coa mellora da competitividade do tecido empresarial por medio da innovación, en especial nas compañías de menor tamaño, as que máis dificultades teñen para emprender este camiño.

InnovaPeme

Este mes convocouse a quinta edición de InnovaPeme, liña de axudas que servirá para incrementar as capacidades e actividades en plans de innovación das pemes e microempresas con pouca ou nula experiencia neste eido.

Contará cun orzamento de 2,8 millóns de euros destinados a facer realidade proxectos innovadores en procesos e organización, implementar tecnoloxías clave do seu negocio, aumentar a comercialización de produtos e servizos, obter financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.

A convocatoria de InnovaPeme, que é de concorrencia competitiva, prevé outorgar axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas, aumentando o número de empresas innovadoras e multiplicando o gasto de I+D e de actividades conectadas á innovación.

DeseñaPeme

Tamén se publicou a segunda edición de DeseñaPeme, que márcase o reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través da xestión do deseño, como valor estratéxico.

Nesta ocasión o obxectivo é apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa. As axudas, na mesma modalidade de concorrencia competitiva, contan cun orzamento de 1,5 millóns de euros, valorarán a xeración de deseños sustentables e outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.

Impulso innovador das pemes galegas

Ambas as dúas liñas, xestionadas a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), son parte do plan de impulso innovador nas pemes, promovidas pola Vicepresidencia económica, como os préstamos IFI Innova -cuxo prazo está aberto cun orzamento de 2,5 millóns-; o programa ReAcciona; a aceleradora Galicia Avanza ou os bonos de innovación, que tamén se activarán este ano.

853 empregos

A posta en marcha en 2017 de InnovaPeme axudou a 160 pemes cun orzamento de 13,3 millóns de euros e unha mobilización de 26,6, co mantemento de 767 postos de traballo en eidos como as TIC, a enxeñaría ou o sector agroalimentario.

DeseñaPeme, pola súa banda, investiu o pasado ano 1,5 millóns de euros para apoiar 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns e fixeron posible a creación e mantemento de 86 contratos laborais.

También te puede interesar