O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia que o goberno local deixou sen executar no primeiro trimestre do ano a totalidade das axudas para vivenda, alimentación e gastos básicos, dotada con 357.000 euros.
Dendo o Bloque valórase como “incomprensíbel” a falla de respostas neste grave contexto de crise derivada da suba descontrolada dos prezos e chama a un maior esforzo a nivel municipal para converter o Concello nun “verdadeiro parapeto social”.
“Mais subvencións para aeroliñas privadas que para necesidades sociais”
“Non podemos permitir que ninguén quede atrás en Vigo, que conta cun orzamento anual de 376 millóns de euros”, defendeu o concelleiro do BNG en Vigo. Xabier P. Igrexas, lamentou que nestes momentos se reserven máis fondos do presuposto local para subvencionar aeroliñas privadas que para atender as crecentes necesidades sociais.
60.000 vigueses en risco de exclusión
Igrexas sinalou que o aumento da inflación está agravando a situación de empobrecemento, nunha cidade onde xa existían “colas da fame”, con preto de 60.000 persoas en risco de exclusión social e máis de 20.000 no desemprego.
Así, alertou de que os prezos de bens e servizos esenciais —como as facturas de auga, luz ou gas — teñen incrementado case un 39% no último ano, no caso dos custos do transporte un 19,3% ou máis dun 7% no prezo dos alimentos.
Os beneficiarios da RISGA, sen ‘tarxeta de alimentos’
O concelleiro do BNG cualificou ademais de “irracional e inxusto” que o Concello rexeite conceder axudas de alimentos, a coñecida como tarxeta de alimentos, a aquelas persoas e familias vulnerábeis que son beneficiarias da Risga ou do Ingreso Mínimo Vital.
“Estas axudas son absolutamente insuficientes e non garanten nin tan sequera a subsistencia material, non podemos comprender como de maneira burocrática o Concello de Vigo se atreve a denegar axudas de carácter extraordinario cando as familias están a padecer o brutal golpe do incremento dos prezos“, criticou.
Igrexas asegurou que son moitas as veciñas e veciños de Vigo que, nas últimas semanas, veñen advirtindo de situacións económicas desesperadas ou con serias dificultades para chegar a fin de mes.