O Rosal porá en marcha un novo proxecto que transformará a estrada vella de San Miguel de Tabagón que foi presentado pola alcaldesa ante á veciñanza.
Ánxela Fernández Callís, acompañada do equipo técnico do proxecto, explicou aos presentes que o obxectivo da reforma é “mellorar a calidade dunha contorna que conta cun perfil urbano cun carácter singular, ao tempo que se aumenta a seguridade dos percorridos peonís”.
A alcladesa subliñou que a intención é que “estas rúas recuperen parte da súa identidade orixinal, máis favorable para o paseo e as relacións cotiás e sociais entre a veciñanza”.
Execución
O proxecto de reforma comezará a executarse pola zona máis deteriorada da estrada vella, ao carón da ferraxería, onde unha das principais accións que se levarán a cabo será a renovación dun muro de contención de mampostería.
A intervención xeral consistirá na renovación de pavimentos con materiais e elementos que contribúan a unha circulación máis calmada e a unha maior integración paisaxística.
Prioridade ás persoas
Farase “dándolle prioridade ás persoas e creando espazos de calidade máis seguros, con vías accesibles e inclusivas que fomenten unha mobilidade máis saudable e sustentable“, salientou a alcaldesa.
Fernández Callís puxo en valor a implicación e compromiso de toda a veciñanza do barrio, que durante o encontro realizou algunhas achegas relevantes sobre temáticas como a problemática das pluviais nesa zona de escorrentía que se incorporarán ao proxecto.