A Deputación de Pontevedra adxudicará este venres a asociacións e entidades de maiores da provincia os 166 obradoiros cos que o programa “Depo en marcha” retoma a súa actividade nas vindeiras semanas tras dous anos de
parón por mor da pandemia.
Con estes talleres, aos que se destina un orzamento de 186.800 euros, a institución provincial chegará a máis de 4.000 persoas. Hai que destacar que foron moitas as asociacións que solicitaron formación en dixitalización coa temática “En rede” que presenta obradoiros de habilidades dixitais para uso cotiá e informática avanzada.
Persoas de máis de 50 anos
Os talleres están destinados a persoas de máis de 50 anos e contan cunha duración de 30 horas durante as que as persoas participantes mergullaranse, amais da dixitalización, en distintas temáticas como os obradoiros de “Aprendendo da natureza” con actividades de recolección e recoñecemento de plantas medicinais; “Móvete” con pilates, ioga e ximnasia de mantemento; “Activando corpo e mente” con conservación da memoria, musicoterapia,
risoterapia e terapia emocional; “Enredando” con teatro e restauración de mobles e tapicería; ou “Dálle marcha” con bailes de salón, pandeireta e canto popular.
Máis de 11.000 participantes
Nos últimos anos preto de 11.500 persoas teñen participado xa en “Depo en marcha”, programa co que a Deputación favorece o envellecemento activo ao crear espazos de encontro e intercambio de experiencias cos que se fomenta a
independencia e se evita o illamento e a sociedade. Con eles tamén se promove a inclusión social e o acceso á formación non regrada.