A Xunta pediu un esforzo dos concellos na adopción de medidas de aforro e do uso responsable da auga ante a situación de prealerta por seca na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Prealerta por seca
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, remitiu cartas aos municipios co fin de informalos da situación de prealerta que a Oficina Técnica da Seca acordou manter o pasado venres e solicitarlles a adopción das medidas anticipatorias que consideren oportunas para evitar problemas no abastecemento.
Nas misivas indícase que o mantemento deste estado de prealerta por seca se debe a que os índices de estado empeoran en toda a Demarcación, pero sen chegar aos limiares previstos para a declaración do estado de alerta.
Encoros
Augas de Galicia sinala como factor favorable que as reservas de auga nos encoros de abastecemento están en situación de normalidade, aínda que os caudais seguen a ser baixos e as achegas atópanse por debaixo da metade das medias para esta época do ano.
A Xunta advirte de que ao estar entrando na época de maior demanda de auga na Demarcación, que se produce entre os meses de xuño e de setembro, é preciso adoptar medidas de aforro e uso responsable deste recurso.
Reducir regos, presións das redes pola noite ou minimizar o baldeo de rúas
Así, nas cartas remitidas achéganse suxestións aos concellos, responsables do abastecemento, como: reducir regos de xardíns e utilizar técnicas máis eficientes, revisar instalacións, reducir as presións das redes polas noites, restrinxir a renovación de auga de piscinas, facer un uso eficiente da auga no lavado de coches e minimizar o baldeo de rúas.
Plan Municipal de Emerxencia
Por outra parte, a Xunta lembra que as administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento urbano que atendan unha poboación igual ou superior a 20.000 habitantes teñen a obriga de contar cun Plan Municipal de Emerxencia ante Situacións de Seca.
Neste sentido, a aqueles concellos que non dispoñen desta ferramenta, a pesar da súa obrigatoriedade, Augas de Galicia recórdalles que a Xunta vén convocando de xeito anual subvencións para o financiamento de ata o 80% do custo da redacción destes programas.
Vigo
O alcalde asegurou que Vigo xa aplica dende hai “una década” medidas como reducións de presións nas redes pola noite; restrinxir a renovación de piscinas; uso de técnicas eficientes en xardíns, minimizar baldeos ou revisar instalacións.
Abel Caballero apuntou que eses 10 anos son o período no que leva realizando humanizacións masivas que supoñen a renovación de redes e, polo tanto, minimizar as fugas por debaixo dun 10%, cando a media doutros concello é superior ao 30%.
Nova potabilizadora
O Concello, ademais, insistiu, está a traballar na nova potabilizadora – con case 23 millóns de euros – a cargo do plan de inversións de Aqualia. Neste punto, Caballero lembrou que esta instalación, financiada por Vigo, presta servizo a Cangas, Moaña, Redondela e Mos.