Pola avaría no embarcadoiro da Pasaxe
Os graves problemas que ten o peirao de atraque do ferri na marxe galega fan inviables as viaxes do barco que cubre o servizo de trasporte de pasaxeiros e vehículos entre A Guarda e Caminha.
Portos de Galicia
Na reunión mantida á petición do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, coa presidenta de portos de Galicia, Susana Lenguas, á que tamén acudiu o presidente da cámara de Caminha, Miguel Alves, a responsable das instalacións de atraque do ferri trasladou aos mandatarios municipais a grave situación actual do embarcadoiro e a complexidade da reparación que hai que acometer.
“Sen noticias fiables”
A preocupación dos responsables dos concellos da Guarda e de Caminha pola comunicación entre as dúas vilas, é “a ausencia de noticias fiables en relación a reparación da avaría no peirao”, sinalan dende o Condello da Guarda. Por iso concertouse unha xuntanza entre os alcaldes e Portos de Galicia.
As inquedanzas dos alcaldes foron compartidas pola presidenta deste organismo que confirmou que, despois da valoración do estado actual do peirao, estase a elaborar un estudo técnico que servirá de base para a redacción do proxecto de rehabilitación.
Unha reparación de 300.000 euros
Susana Lenguas foi cautelosa en canto a contía e prazos para executar a reparación. En calquera caso avanzou que a obra podería rondar os 300.000 € e en canto a execución habería que pensar en 2023.
Hai que ter en conta que esta situación de falta de comunicación entre as dúas vilas do esteiro do miño xa non é de agora. Primeiro foi o peche de fronteiras con motivo da pandemia do COVID-19 e dende o verán de 2021 ven motivada pola avaría do peirao.
Prexudicial para as dúas vilas fronteirizas
Segundo o alcalde da Guarda esta falla de comunicación con Camiña resulta moi prexudicial para o mantemento das relacións sociais e económicas entre as dúas vilas raianas. Tanto para a veciñanza das dúas localidades, como para o transito de turistas e visitantes e para o paso dos peregrinos que seguen o camiño portugués da Costa.
Por este motivo, Antonio Lomba, co apoio dos alcaldes e alcaldesas do Camiño Portugués da Costa e o sector privado vinculado á ruta xacobea, viña demandando da Xunta de Galicia un transporte alternativo ao ferri mentres este non funcionaba.
Este transporte alternativo, centrado principalmente en resolver os problemas dos peregrinos, empezou a funcionar a pasada Semana Santa e está permitindo que se recupere a continuidade do camiño a Santiago.