A Deputación de Pontevedra xa ten aberto o prazo de inscrición para a primeira das actividades desta segunda edición de Depo Auga. Trátase do programa de deporte sostible de rutas guiadas por ríos ou praias de diferentes concellos da provincia nunha táboa de paddle surf ou nun kayak.
5 de xuño
A primeira sesión deste ano terá lugar o domingo 5 de xuño nas Salinas do Ulló no concello de Vilaboa cunha ruta de paddle surf. Esta actividade dispón de un total de 45 prazas, que se distribuirán en 3 quendas de 15 persoas en cada unha.
Amantes do deportes e da natureza
Depo Auga está dirixido a persoas amantes dos deportes da natureza e aventura, maiores de 18 anos ou menores (mínimo 14 anos) acompañados pola súa nai, pai, titora ou titor. As e os participantes deberán desprazarse ao lugar de inicio da actividade, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa e entregaráselles todo o material necesario para realizar as actividades.
Así podes inscribirte
As persoas interesadas en participar nestas travesías guiadas de aproximadamente unha hora e media de duración, xa poden inscribirse a través do formulario que atoparán na páxina web da Deputación. En caso de que se completen as prazas habilitarase unha lista de agarda de ata un máximo de 50 persoas.
Despois desta ruta polas Salinas do Ulló en Vilaboa, as seguintes excursións do programa Depo Auga terán lugar nos concellos de As Neves, Poio e A Illa de Arousa.